O vindeiro 12 de xullo a carreira de montaña “Chandrexa Trail” convertirá a esta contorna do Macizo Central ourensán no punto de encontro para máis de 300 deportistas. Así o aseguraban na presentación que tiña lugar o 2 de xullo no Pazo provincial da Deputación de Ourense, un acto que contou coa presenza de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación; Alberto Núñez Estévez, representante do Concello de Chandrexa de Queixa (patrocinador do evento deportivo); Diego Martínez, director da carreira, e Bernardino González, asesor de Deportes da institución provincial.
A “Chandrexa Trail” forma parte da Copa Galega de carreiras por montaña e este ano celebra o Campionato Galego e a Copa de España da especialidade. Nesta quinta edición do evento deportivo desenvolveranse tres probas: unha de 33 quilómetros, de gran dificultade técnica, que se correrá pola Serra de Queixa; unha segunda proba de 20 quilómetros, válida para a Copa Júnior da especialidade, e unha terceira carreira de 7 quilómetros, dirixida aos deportistas máis xoves, válida para a Copa de España.
O punto máis alto da carreira sitúase a 1685 metros, no Alto do Seixo, e o punto máis baixo, 930 metros, xunto ao encoro.