OurenseÚltima hora

Charla formativa ao alumnado do ciclo de FP de Cociña e Restauración do IES Lagoa de Antela, en Xinzo

A vogal do CRIIXX das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e enóloga, Sonia Otero, impartiu a sesión neste centro educativo ourensán

Alumnos do IES Lagoa de Antela de Xinzo asistentes á charla.

 

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas de (CRIIXX) das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia continuaba na mañá do 16 de outubro, co seu programa formativo, cunha charla no IES Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia. Ata este centro desprazábase a vogal do Consello Regulador e enóloga, Sonia Otero, quen impartiu unha sesión ao alumnado do ciclo de FP básica de Cociña e Restauración.

O devandito ciclo consta de dous cursos. O primeiro céntrase na cociña e o segundo ocúpase das ensinanzas sobre servizos en sala e cafetería, para que o alumnado adquira os coñecementos necesarios que lle permitan acceder ao mercado laboral.

Tal como explican dende o CRIIXX, Sonia Otero aproveitou esta sesión para ofrecer unhas nocións básicas sobre que é o Consello Regulador, explicando ademais detalles básicos sobre as distintas técnicas de destilación e os diferentes destilados existentes no mercado. Neste sentido, Otero centrouse na problemática existente en torno á comercialización de destilados fraudulentos. “Os únicos produtos que ofrecen todas as garantías de calidade e orixe son os Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia”, afirmou, lembrando que para distinguir os produtos amparados “hai que comprobar que leven a contra etiqueta dalguna das nosas catro Indicacións Xeográficas”.

Para facilitar o seu recoñecemento amosáronselle aos rapaces botellas de destilados amparados polas Indicacións Xeográficas de Oruxo de Galicia, Augardente de Herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor de Café de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button