EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Chega a oitava edición do ciclo “Cata a Arte”, en Ourense

Celebraranse presentacións e degustacións de viños de cinco adegas da D.O. Ribeiro con accións paralelas, que terán lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel

 

Ponse en marcha a oitava edición do ciclo Cata a Arte, que terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense os xoves 3, 10, 17 e 24 de novembro e o 1 de decembro en horario de 20h. a 22h. horas e que inclúe presentacións e degustacións de cinco adegas do Ribeiro, a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, acompañadas de accións culturais paralelas como música, poesía ou ilusionismo.

As catas comezarán o xoves da semana que vén e o seu aforo estará limitado a 100 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada das entradas de forma presencial no Centro Cultural desde o luns anterior a cada evento.

O pistoletazo de saída (3 de novembro) poñerao Adegas Loeda que realizará unha degustación do seu viño branco treixadura Catro Parroquias, acompañada dun concerto da mítica banda pop Los Limones. O xoves 10 de novembro será unha cata-sorpresa, coa adega e a acción por confirmar, pero que non deixarán de sorprendernos.

O xoves 17 de novembro continuarase coa cata de Viña Costeira que presentará os seus viños acompañados doutra animada actuación musical. O 24 de novembro, Benito Eladio Rodríguez e amigos ofrecerá un recital poético e de cancións, ben acompañados dunha degustación do viño branco Torques do Castro e do tinto Tarabelo, da adega Arco da Vella Adega de Eladio.

E para finalizar esta oitava edición, Adega Alanís poñerá o broche final o xoves 1 de decembro, onde fará unha degustación do seu viño Gran Alanís 2021 en harmonía do espectáculo “Ilusionismo Gran Reserva”, da man de Magia en la manga.

 

 

As catas novamente terán un carácter solidario. O C.R.D.O. Ribeiro, co Centro Cultural Marcos Valcárcel e a Deputación de Ourense, colaboran un ano máis conxuntamente en apoio á Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER), polo que, nesta oitava edición, solicitarase aos asistentes un donativo a favor desta organización sen ánimo de lucro que leva desde 1996 á beira das persoas con Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras da provincia de Ourense e das súas familias. Algúns dos servizos que ofrecen son os de psicoloxía clínica, fisioterapia, logopedia, traballo social e educación social.

Artigos relacionados

Back to top button