OurenseÚltima hora

Chega a Ourense unha exposición sobre os 40 anos de historia do Parlamento de Galicia

A súa inauguración está prevista para o vindeiro mércores na sala de exposicións de Afundación

 

“O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021”. Este é o título da exposición que se inaugurará o vindeiro mércores na cidade de Ourense para repasar os feitos máis salientables das catro décadas de traxectoria do Lexislativo galego: desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.

En Ourense estará aberta ao público ata o 24 de abril na sala de exposicións de Afundación. A inauguración está prevista para o vindeiro mércores, 23 de marzo, ás 20,00h.

A mostra, que xa puido se visitada polo público na sede da Cámara galega entre o 15 de decembro e o 15 de marzo, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O comisario contou coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); mentres que o deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.

Entre outros, na exposición é posible ver a Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.

A mostra tamén incorpora obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.

A exposición, de carácter itinerante, recalará nas diferentes cidades galegas nos próximos meses.

Artigos relacionados

Back to top button