ConcellosEspeciais

Chega a XIV Festa do Botelo, do Barco

O editor e fotógrafo Carlos García, do Periódico O Sil, será o pregoeiro nesta edición
Dous botelos.
Dous botelos.

Poucos cambios presenta a XIV edición da Festa do Botelo que se celebrará no Barco o sábado 18 de xaneiro. De feito, tal como adianta o concelleiro de Cultura Eduardo Ojea, a cita festiva de inverno na capital valdeorresa, contará de novo con dúas partes: unha cultural e outra estrictamente gastronómica.
A primeira terá lugar ás 12:30h. no salón de actos do IES Martaguisela.

Trátase da mención de honra que cada ano fai o Concello a unha persoa ou institución vencellada ao pobo. A excepción do ano pasado cando homenaxearon á cooperativa Jesús Nazareno, tódolos anos teñen en conta a algún restaurador ou reposteiro. Nesta ocasión, a elexida é Rita Barrio Moldes, fundadora xunto ao seu home do establecemento hostaleiro “Casa Ignacio” en Viloira.

Durante o acto, o alcalde Alfredo García e o concelleiro Eduardo Ojea, entregarán un agasallo á homenaxeada e proxectarase un video coa súa traxectoria. O apartado musical será cousa do Conservatorio do Barco e da Escola de Música. O broche porao a lectura do pregón que este ano correrá a cargo de Carlos García Hervella, fotógrafo e alma máter do Periódico O Sil. “É unha forma de recoñecer o labor que leva feito o periódico a prol da promoción e conservación das tradicións, sobre todo a nivel gastronómico, como a do botelo” explica Eduardo Ojea.

Dúas horas despois do acto no instituto, a xente dirixirase cara o pavillón de Calabagueiros que en torno ás 14:30h. abrirá as portas para acoller ás preto de mil persoas que cada ano se reúnen en torno ao botelo.

O xantar contará de novo con Lula Fidalgo e os seus colaboradores na cociña, así como un bo número de camareiros para atender as mesas. A carne será de García Marcos de Viana do Bolo e o resto de produtos, da zona.

O menú coma sempre estará formado polo botelo (costelas de porco adobadas), acompañado por chourizos, patacas e repolo cocido, todo regado con viño da Cooperativa. De postre bica e doces variados. As entradas poranse á venda o 10 de xaneiro por 14 euros na conserxería do Conservatorio en horario de tarde.

Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button