
Coa chegada do verán e o final das clases escolares é o momento de buscar plans alternativos para os máis pequenos e o Centro de Deportes Barco ten máis dunha opción. O ano pasado cambiaban o clásico campus de tecnificación de fútbol por un campus multideportivo e de ocio que tivo unha gran acollida, presentando este ano unha nova edición mellorada, ao que veñen de sumar un novo completamente diferente, centrado na ximnasia rítmica e na zumba aínda que incluirá moitas máis actividades con prazas limitadas.
A idea nacía de Rocío Barba, socia do club e instrutora de zumba, entre outros deportes, pensando especialmente nas nenas, para darlle unha alternativa ao fútbol, aínda que está tendo moita aceptación e xa hai tamén nenos apuntados, di o presidente do CD Barco Nilo Ramos, asegurando que en canto llo propuxo, como unha forma máis de dar visibilidade ao club, non dubidaron. “Trátase dalgo novidoso que está tendo moi boa resposta”, di.
As datas son do 22 ao 27 de xuño, de 10 a 14 horas con madrugadores ás 9, para cativos de 6 a 16 anos, a desenvolver en diferentes instalacións deportivas do Barco (pavillón de deportes, pista multideportiva, pistas de pádel e tenis, piscina,…) incluído deporte, velada nocturna e moitas actividades de ocio (inchábeis, escalada, torneos,…)
