ConcellosEn portadaÚltima hora

CicloSil, unha marcha ciclista non competitiva que o 12 de agosto pasará por Ribas de Sil, Río, Trives, Manzaneda e Castro Caldelas

Inclúe dúas distancias de diferente dificultade: unha de gran fondo con 135 km e +3.500 metros de desnivel e outra, máis asequible, de medio fondo con 60 km e +1.500 m de desnivel

 

Descubrir en bicicleta singulares paraxes da Ribeira Sacra, combinando deporte e turismo. Con ese obxectivo xurde a marcha ciclista non competitiva CicloSil, cuxa primeira edición está prevista para o 12 de agosto. Inclúe dúas distancias de diferente dificultade: unha de gran fondo con 135 km e +3.500 metros de desnivel e outra, máis asequible, de medio fondo con 60 km e +1.500 m de desnivel, tal e como avanza Brais González.

A marcha terá un percorrido circular con saída ás 8:30h. dende San Clodio (Ribas de Sil) e meta neste mesmo lugar. “Sairemos de Ribas de Sil, que forma parte da D.O. Ribeira Sacra, subimos pola zona de San Xoán de Río, A Pobra de Trives, dende aí tiramos ata Manzaneda, á Estacion de Montaña de Manzaneda, volvemos a Trives, Ribas de Sil, Castro Caldelas e logo, iremos, dirección Ribas de Sil, e os que poidan e vaian con ganas subirán a Torbeo”, explica Brais González, coordinador da proba.

 

 

Foi precisamente a subida a Torbeo que se organizaba de formaba espontánea e familiar cada verán nas festas de Ribas de Sil o punto de partida de CicloSil. “Aínda que vivo en Barcelona, a miña familia está en Ribas de Sil. Eu son afeccionado ao ciclismo de sempre, e cando ía en vacacións facía esa subida o día das festas. Sempre comentabamos que porque non a organizamos de forma seria, entón pensei que a zona é realmente bonita e subida preciosa así que dixen, vouno intentar, e así empecei. Xunteime cun amigo de Barcelona para intentar montala e niso levamos máis de 5 anos co proxecto, que agora xa é unha realidade”, explica Brais González.

Ademais está previsto que “cada 30 km haxa un avituallamento, líquido e sólido, no que ademais de froitos secos e froita, tamén pretendemos incluír diversos produtos propios desta zona”. E, ao rematar a proba, haberá unha comida para todos os participantes.

As inscricións (abertas a persoas de 16 anos en adiante) desta marcha non competitiva xa están abertas en https://ciclosil.com/ , onde tamén se pode atopar información detallada sobre os dous percorridos. “O prazo de inscrición estará aberto ata xusto un mes antes, porque dentro da inscrición regalarase un maillot da marca Inverte, de cor viño e azul, pensando en que está é unha zona de viños, da D.O. Ribeira Sacra, e no río Sil”, comenta o coordinador da marcha.

 

 

Así mesmo durante a mañá da marcha realizaranse actividades para acompañantes e nenos a cargo de Espazo Vagalume, Espazo Creativo “onde pais e fillos poderán gozar de creativas actividades familiares, onde sempre haberá de haber un adulto acompañando ao neno”, sinalan dende a organización.

Fotos cedidas.

Máis información:
https://instagram.com/ciclosil?igshid=YmMyMTA2M2Y=

Artigos relacionados

Back to top button