AletismoDeportesÚltima horaVídeos

Cita deportiva e solidaria este domingo na Rúa coa 5ª Carreira e Andaina contra o Cancro

Organizada polo Club Atletismo Rúa en colaboración co Concello, contará co modisto vianés Jorge Álvarez como padriño

 

Con máis ganas e vontade que nunca volve a Carreira e Andaina contra o Cancro organizada polo Club Atletismo Rúa. A proba, entre deportiva e solidaria cuxa recadación irá destinada á Asociación Española Contra o Cancro, celebrarase este domingo 30 de abril.

Ao contrario de edicións anteriores, a saída e meta serán diante do pavillón municipal da Rúa, no Aguillón, e o circuíto constará dunha volta de 8.300 metros aproximadamente sen desnivel. Ás 11 horas sairán os participantes na andaina popular e media hora máis tarde, ás 11:30 horas, os da carreira absoluta. O prezo de inscrición é de 10 euros para maiores de 16 anos e 5 euros para os menores, non ten límite de participantes e poderase facer online en http://carreirasgalegas.com e de forma presencial nas tendas Okre (A Rúa) e Foot on Mars (O Barco), así como no propio Aguillón ata media hora antes da saída da proba.

 

 

Así o adiantaban os directivos do Club Atletismo Rúa, Fernando Navarro e Isabel Seco, na presentación da carreira que facían no mediodía deste xoves 27 de abril no Concello da Rúa acompañados polo alcalde, Álvaro Fernández, quen asegurou que están encantados de colaborar “na medida das nosas posibilidades” cunha proba solidaria destas características, en favor da loita contra unha lacra coma o cancro.

Pola súa banda, Fernando Navarro animou á xente a participar, especialmente pola parte solidaria do evento. “É algo que nos pode tocar a calquera”, dixo, lembrando que na anterior edición contaron con 300 inscritos e que nesta esperan reunir uns 200 participantes, aventurando que moitos anotaranse nos últimos días.

 

 

Como evento solidario que é habilitarán un dorsal 0 para todo aquel que queira aportar a súa donación para a AECC sen participar e este ano o convidado que dará a saída será o deseñador e estilista vianés, Jorge Álvarez.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button