En portadaÚltima horaVídeos

Clausúrase na Rúa o obradoiro dual de emprego “Laboru III”

Os alumnos, dos concellos de Larouco, O Bolo e A Rúa, recibiron os diplomas acreditativos

 

Tras un ano de duración, na mañá deste luns 6 de novembro procedíase á clausura do obradoiro dual de emprego Laboru III, das ramas de forestal e albanelería, no que participaron os concellos da Rúa, Larouco e O Bolo.

 

 

Subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, esta edición do obradoiro formou a máis de 20 persoas destes tres concellos, moitas das cales recibían esta mañá na aula multiusos do Centro Cultural Avenida da Rúa, o diploma acreditativo.

 

 

Na clausura estiveron presentes, ademais dos alumnos, profesores e persoal administrativo, os alcaldes dos tres municipios que colaboran neste proxecto, María G. Albert, alcaldesa da Rúa, Patricia Lamela, de Larouco, e Alberto Vázquez, do Bolo; así como o xefe territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Benestar, Yago Borrajo Sánchez.

 

 

No acto, antes da entrega de diplomas, proxectábase un vídeo coas obras levadas a cabo nos meses que durou o obradoiro “un ano moi bo de traballo, con moita actividade e no que se fixeron moitas cousas e se aprendeu moito”, aseguraba a coordinadora do obradoiro. Ao respecto, María G. Albert, alcaldesa da Rúa (concello promotor do obradoiro) daba as grazas tanto aos alumnos como aos profesores, porque “durante un ano fixestes moitísimas cousas e estamos moi orgullosos do traballo desenvolto”, dixo, asegurando que “é moi interesante que a partir de agora, moitos de vos poidades adicarvos a esta capacitación profesional que se vos deu. Ese é o principal reto que temos por diante, que algún ou moitos de vos vos adiquedes ao sector forestal ou a albanelería”, dixo dirixíndose aos alumnos.

 

 

Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco destacou o labor de aprendizaxe pero tamén a relación conseguida entre os participantes asegurando nunca comproba o traballo feito “porque sempre está perfecto”; mentres que o rexedor do Bolo, Alberto Vázquez, convidounos a “seguir nestes traballos xa que ese é o fin destes obradoiros, sacar xente especializada. Fai falta man de obra neste dous sectores”, destacou.

 

 

O encargado de clausurar o acto era Yago Borrajo, quen daba as grazas a todos os que fixeron posible o desenvolvemento do obradoiro que por primeira vez chegaba aos 12 meses. Tamén felicitaba aos alumnos e incidía no feito de que “todos os traballos levados a cabo repercuten na mellora dos equipamentos municipais e na mellora da calidade de vida dos vosos veciños e veciñas, pero a finalidade destes obradoiros é a vosa formación e esperamos que isto sexa un punto e seguido e aprovetedes o tirón para o voso futuro laboral”.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button