EconomíaEconomíaÚltima hora

Clausúrase o obradoiro de emprego en Barbadás

Vinte alumnos-traballadores participaron no proxecto “Barbadás coida de ti” promovido polo Concello
Os alumnos participantes no obradoiro, cos diplomas.
Os alumnos participantes no obradoiro, cos diplomas.

Coa entrega de diplomas e títulos aos 20 alumnos/as traballadores que participaron, o 15 de febreiro remataba o obradoiro de emprego “Barbadás coida de ti” promovido polo Concello de Barbadás.

O obradoiro, dividido en dous módulos formativos (“Atención sociosanitaria de persoas no domicilio” e “Dinamización de actividades de tempo libre”) desenvolveuse ao longo de seis meses (de agosto de 2015 a febreiro de 2016) e nel o alumnado-traballador compaxinou a parte teórica, dando acceso ao certificado de profesionalidade de nivel 2, con formación complementaria (iniciación á informática, prevención de riscos laborais, manipulación de alimentos, inserción laboral, creación de empresas,…). A parte de prácticas foi realizada en coordinación co servizo de atención a domicilio o concello e nos colexios existentes no núcleo da Valenzá.

Tal como explican dende o Concello de Barbadás, durante o obradoiro formouse ademais a catro alumnos “para poder acadar o título de graduado en ESO con clases cunha profesora de compensatoria”.

Na entrega de diplomas, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo do Concello de Barbadás, Xosé Manoel Fírvida, agradeceu a colaboración do profesorado e dirección do obradoiro, así como a participación do alumnado, informando da próxima creación dunha base de datos na Oficina de Promoción Económica de Barbadás (PROECO) “que permita por en contacto a demandantes e oferentes de emprego”.

Artigos relacionados

Back to top button