Nós últimos días de agosto concluía unha novidosa actividade que o Concello de Trives poñía en marcha neste verán. Tratábase do “Club de Lectura… e café”. Nel participaban 15 persoas que quedaban encantadas coa experiencia. E tanto é así que agora, ás portas do outono, pretenden darlle continuidade con novas xuntanzas, pero doutro tipo.
Así o grupo vén de reconvertir o devantido club de lectura nun “Club de Mus”. A actividade será organizada dende a Biblioteca Municipal de A Pobra de Trives. Deste xeito, durante os martes e xoves do outono, de 11:30h a 13h, terán clases para aprender a xogar ao mus, “un xogo de habilidades, observación, intuición e lóxica”, segundo indican dende o Concello de Trives.
O club comezou na mañá de onte, xoves 7 de setembro, coas súas aprendizaxes. As persoas interesadas, para anotarse e ter máis información sobre a actividade poden dirixirse á Biblioteca Municipal (988 33 09 67)