Entre as primeiras actividades que organizará neste ano 2018 o Club Montaña Trives estará a IV Andaina do Chourizo (no marco da festa do mesmo nome en Vilanova), que está prevista para o vindeiro 3 de febreiro. O seu punto de partida será a praza do Pilón da vila ás 9:30h. Dende aí os participantes iniciarán un traxecto que cubrirá unha distancia de 9 km . O percorrido, de dificultade baixa, pasará por San Mamede, San Lorenzo, Castro e Vilanova, para regresar, finalmente a Trives. Ao remate haberá unha gran chourizada para os asistentes.
As persoas interesadas en participar poderán realizar a súa inscrición na Oficina de Turismo de Trives ou ben a través do enderezo electrónico club.montana.trives@gmail.com. O prezo será de 5 euros para os socios do club e de 8 euros para aquelas persoas que non sexan socios. A data límite para inscribirse será o 1 de febreiro.