En portadaÚltima hora

Cóctel, degustacións e astronomía, na apertura das Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras

O programa destas xornadas, con ata 10 actividades diferentes, desenvolverase do 27 ao 29 de maio na comarca

 

Aproxímanse as Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras, que nesta ocasión chegarán á undécima edición cunha completa programación que, durante tres días (do 27 ao 29 de maio), se desenvolverá nesta comarca apostando por poñer en valor o territorio amparado, os seus recursos turísticos e o seu patrimonio vitivinícola.

Ata un total de dez actividades distintas compoñen a programación destas XI Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños de Valdeorras, entre as que destaca unha acción de exaltación da figura de Florencio Delgado Gurriarán e da relación dos seus textos co eido do viño.

Outra das accións máis sobranceiras desenvolverase tras o cóctel de inauguración da xornadas, na noite do venres 27 de maio, e promove unha observación astronómica coa degustación dun viño no Hotel Pazo do Castro, a partir das 22.30 horas. Esta actividade estará conducida por Francisco Javier Cerdán Núñez.

O sábado 28 de maio iniciarase coa chegada á comarca de cinco buses do viño procedentes da Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Ponferrada, cuxos ocupantes realizarán rutas polas nove adegas participantes nesta edición das xornadas, en horario de mañá e tarde, con parada para xantar nos municipios da Rúa e do Barco.

Tamén na mañá do sábado 28 se levará a cabo a actividade Descubrindo a ruta da Loba da Fada e os viños de Valdeorras, na que se enfatizará na lenda local da loba. Unha actividade que, como non podería ser doutro xeito, rematará cunha cata no interior dunha das covas da comarca.

Ao tempo, na xornada do 28 de maio, desenvolverase a actividade Entre pizarras e viños
de Valdeorras, que pretende por e valor a ligazón entre os dous principais motores económicos da comarca cunha visita a unha canteira na que se poderán ver os traballos que alí se realizan e que finalizará cunha cata nunha adega. Esta actividade é promovida pola empresa Enoturismo Galicia.

O románico e o viño

Divulgar a historia da comarca de Valdeorras é o obxectivo doutra das accións que compoñen o programa das xornadas. En concreto, esta actividade levará por nome A Idade Media, o románico e o viño e busca, dende Xagoaza, ilustrar aos visitantes sobre as peculiaridades do viño da comarca neste período histórico. A actividade, que se desenvolverá na mañá do sábado entre as 11.00 e as 13.00 horas, rematará cunha visita á Cova dos Monxes, onde se catará un viño. A firma Valdeorras é Viño encargarase de pór en marcha esta actividade.

A adega Godeval, unha das amparadas baixo o selo do Consello Regulador, promove ás 11.30 horas da mañá do sábado 28 de maio reeducar olfato, memoria olfativa e fortalecemento das células sensoriais a través dunha actividade que porá en valor os aromas do godello.

Túnel do viño

Non podía faltar nas xornadas a realización dun clásico Túnel do Viño, no que se poderá degustar unha ampla variedade de viños procedentes das diferentes adegas que participan na iniciativa. Desenvolverase na Praza Maior do Barco de Valdeorras entre as 12.00 e as 14.30 horas e as 19.00 e as 21.30 horas do sábado 28 de maio.

A esta axenda, hai que engadir a actividade Experiencia de arte e viño, un evento de lecer no que os participantes pintarán un cadro con pintura acrílica inspirado na obra A noite estrelada, de Van Gogh. O evento está deseñado para que persoas sen experiencia coa pintura poidan realizar un cadro en dúas horas, entre as 16.30 e as 18.30 horas do sábado 28 de maio. Mentres pintan, gozarán dunha copa de viño nun ambiente relaxado.

Viños e chocolates

Tamén na xornada do sábado 28 de maio, entre as 19.00 e as 20:30 horas, desenvolverase na Rúa a iniciativa Viños de Valdeorras e chocolates. Proponse unha cata de viños da comarca xunto á degustación de cinco chocolates cun elevado porcentaxe de cacao. A actividade estará dirixida pola sumiller Mercedes González.

O domingo 29 de maio iniciarase a programación coa chegada de tres novos buses do viño á comarca procedentes de Santiago, Ourense e Vigo. Viñoteando entre covas, unha actividade que pretende por o acento no patrimonio vitivinícola da zona, en concreto as súas covas, é a actividade central do día e desenvolverase en horario de 10.30 a 14:15 horas. Trátase dunha actividade promovida por Enoturismo Galicia.

Nesa mesma xornada, de 11.00 a 13.00 horas, vaise celebrar a actividade Un paseo da man do poeta Florencio Delgado Gurriarán. Poranse en valor as referencias aos viños da comarca contidas na obra do autor ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. A actividade está promovida por Valdeorras é Viño.

Finalmente, a acción Descubrindo as pegadas do pasado propón, dende Larouco, un pequeno paseo de 20 minutos, aproximadamente, que parte da igrexa do pobo e remata no propio Castrillón. A actividade procura, da man do arqueólogo Martíño Xosé Vázquez Mato, descubrir a historia desta paraxe, e finalizará cun picnic da man da sumiller Mercedes González. Desenvolverase na xornada do domingo 29 de maio entre as 11.00 e as 14.00 horas.

Os interesados e interesadas en asistir ás diferentes actividades que se porán en marcha poden inscribirse xa na páxina web https://www.rutadelvinovaldeorras.com/ ou
nos perfís de Facebook e Instagram da asociación.
Para información adicional: info@rutadelvinovaldeorras.com

Artigos relacionados

Back to top button