SanidadeÚltima hora

O Colexio de Enfermería de Ourense promoverá a investigación e concienciará contra as agresións no 2018

Impulsará unha campaña para poñer fin á violencia no ámbito sanitario, que afecta a un terzo dos profesionais de Enfermería

Dous son os obxectivos principais que se marca para o novo ano 2018 o Colexio de Enfermería de Ourense. Un deles céntrase en “concienciar á sociedade contra as agresióins no ámbito sanitario, a través do Observatorio de Agresións a Profesionais de Enfermería de Ourense, que estará plenamente operativo a comezos do 2018”, tal e como avanzan dende esta organización colexial. O citado Observatorio ten xa elaborado un protocolo de actuación que establece o procedemento a seguir para tratar de evitar comportamentos violentos ou, unha vez que se produce, denunciar estes casos.

Asemade o Colexio de Enfermería de Ourense prevé a posta en marcha de medidas preventivas, “medidas inmediatas en caso de agresión e medidas de seguemento e control. No ámbito da prevención, prevese no 2018 a posta en marcha dunha campaña de concienciación e cursos para que os profesionais poidan detectar condutas violentas, potenciar habilidades de comunicación, empatía, aservitividade e outras que contribúan a manexar situacións complicadas”.

A campaña de concienciación pretende diminuír a incidencia dos episodios de violencia no ámbito sanitario. “Segundo o Informe das Agresións no Ámbito Sanitario 2016, realizado polo Consello Xeral de Enfermería, o 38% das agresións que se producen recaen en persoal de Enfermería. Ademais, alomenos un terzo das enfermeiras sufriron algunha situación violenta a causa do seu traballo”, apuntan dende o colexio ourensán.

Ademais faise fincapé na importancia de concienciar tamén á cidadanía sobre “a necesidade de parar a violencia no ámbito sanitario e tamén temos que fomentar o respecto ás decisións adoptadas cun criterio profesional, independentemente de que cumpran ou non as expectativas de pacientes e/ou usuarios”.

Por outra banda, o Colexio de Enfermería de Ourense aposta por impulsar a investigación entre os profesionais e, neste senso, xa no 2017 poñía a disposición dos seus colexiados un servizo de apoio á investigación que nun ano de vida dirixiu tres teses doutorais, sete traballos fin de máster, catro artigos científicos e outros proxectos xa concluídos ou en proceso. “Estes datos indican que existe un repunte na cantidade e calidade dos traballos de investigación realizados por profesionais de Enfermería da provincia, o que fai augurar un bo 2018 en canto a produción científica”, din dende a organización colexial.

Máis información:
www.enfermeriaourense.org/

Artigos relacionados

Back to top button