Ata hai apenas dúas décadas a olivicultura era practicamente testemuñal na comunidade galega e concentrábase en comarcas como Valdeorras e Quiroga, onde se destinaba ao autoconsumo. Sen embargo, a situación mudaba nos últimos anos. Non só se están a recuperar antigas oliveiras, senón que hai numerosas plantacións novas e van xurdindo empresas centradas na produción e comercialización de aceite 100% galego de calidade. Isto vén a significar unha diversificación da actividade agraria no interior galego, así como retomar unha cultura tradicional e un recurso forestal e medioambiental.
Os primeiros pasos no camiño de posta en valor da olivicultura galega dábanse na comarca de Quiroga. Adegas Val de Quiroga e Aceiroga (Bodega Mondelo) apostaban na década dos 90 do pasado século por voltar ao cultivo da oliveira e por elaborar aceite galego cun criterio industrial. “Comezamos cunhas 60 ou 70 oliveiras que había na familia e que estaban nas fincas para separar”, lembra Manuel Mondelo, responsable de Aceiroga; “estaban abandonadas e recuperámolas. Cortámolas por baixo e, en 4 ou 5 anos, xa se rexeneraron. Tamén fixemos novas plantacións e, despois, empezamos a traer a máquina para facer o aceite porque antes o que había era elaboración tradicional”.
A parte das dúas empresas xa citadas, Quiroga contará en breve con outra nova industria adicada ao aceite. Chamarase Ouro de Quiroga e prevé sacar unha primeira produción de entre 15.000 e 20.000 litros.
O renacer deste cultivo tamén está a notarse en Valdeorras. Están xurdindo algunhas iniciativas, pero tamén pequenos olivicultores que enfocan a súa produción ao consumo propio.
Por esa senda van tamén proxectos como o de Olei, un aceite de oliva virxe extra coa variedade brava de oliveiras centenarias das comarcas de Quiroga e Valdeorras. Elabórao a empresa Invatia Research, creada no 2008 e con sedes en Ourense e Santiago. Aceites Abril tamén traballa dende hai varios anos na liña de facer aceite galego. A súa primeira produción, de 1.000 litros, presentábaa en decembro de 2012. Ao mesmo tempo comezaba a desenvolver un proxecto de plantación por toda Galicia no que as parcelas son de particulares, pero que contan co asesoramento técnico de Aceites Abril, que lles compra a produción. Actualmente contan con 151 hectáreas de plantacións, nas que predomina a variedade arbequina.
Moito máis recente é a empresa ourensá Aceites José Galán, se ben a súa orixe hai que buscala no 2010.
Texto: Ángeles Rodríguez
A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil.