En portadaÚltima hora

A comarca de Viana impulsou un 3% de emprego neto no 2016

É un dos datos que se recollen no oitavo informe realizado polo Observatorio Económico Ourensán, que se presentaba na vila de Verín
Algúns dos asistentes á presentación do VIII Observatorio Económico Ourensán nas comarcas de Verín e Viana.

As comarcas de Verín e Viana do Bolo aportan 8 dos 53 concellos que en 2016 foron xeradores de emprego. En concreto, a comarca de Verín pechou 2016 con 6.533 afiliados (o primeiro peche anual por riba da barreira das 6.500 afiliacións desde 2011). É un dos datos que se desprenden do informe do Observatorio Económico Ourensán referido a esta zona da provincia, que se presentaba na mañá do 14 de febreiro no salón de actos da Casa da Cultura de Verín.

Este estudo tamén reflexa que a rexeneración laboral tardou máis tempo en chegar á comarca de Verín que á gran maioría das áreas comarcais da provincia, pero a evolución rexistrada en 2016 anticipa unha aceleración do ritmo de recuperación ao longo de 2017.

A análise individual do concello de Verín axústase ao patrón comarcal, é dicir, con clara melloría en comparación cos anos precedentes, e con creación de emprego neto como resultado do exercicio de 2016, pero a máis baixa intensidade que a media da provincia de Ourense. O municipio de Verín impulsou un 0,7% de emprego neto en 2016, o que significa xustamente acadar a metade de velocidade que o conxunto da provincia. Todas as cabeceiras, agás Bande (-1,2%), foron xeradoras de emprego en 2016, e Verín compartiu con Xinzo de Limia o feito de quedar ás portas de conquistar o 1% de crecemento.

No caso da comarca de Viana, segundo este informe, o auxe interanual elevouse ao 3%, cifra que representa dobrar a actual media ourensá de recuperación do emprego. Ese rexistro foi o segundo máis forte da provincia, só superado polo 3,5% que asinou A Baixa Limia. A cabeceira de comarca, Viana do Bolo, fixou o rumbo comarcal cun avance do 3%, o máis alto das doce cabeceiras xunto co 3,1% que asinou O Carballiño.

Outro aspecto que se analiza neste traballo é o demográfico. A poboación destas dúas comarcas do oriente ourensán, que representa o 10,3% do total da provincia, sufre un descenso moderado nos últimos anos. A da comarca de Verín situábase nos 26.556 habitantes a 1 de xaneiro de 2016, co que experimentou un retroceso do 1,94% no último ano. Se estendemos a comparativa ata o ano 2000, o descenso poboacional é do 3,5%. Nesta comarca reside o 8,43% da poboación provincial. A pesares da baixada no número de residentes, apenas perdeu peso relativo no conxunto de Ourense: 0,1 puntos porcentuais en comparación co ano 2010 e 0,01 puntos fronte ao 2000, tal e como se indica neste estudo.

A presentación do informe contaba coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, así como do alcalde de Verín, Gerardo Seoane e doutros rexidores destas dúas comarcas ourensás e representates empresariais. Asemade acudía ao acto o profesor da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, Andrés Mazaira.

Artigos relacionados

Back to top button