A Deputación de Ourense, a través do Inorde, ten de novo en marcha a súa iniciativa para impulsar o itinerario xacobeo Camiño Mozárabe-Vía da Prata para continuar a potenciar o incremento de peregrinos que actualmente vén rexistrando este Camiño Xacobeo. Á saída desta acción por etapas asistiu, acompañado polo presidente da Asociación de Amigos da Vía da Prata, José Luis Rodríguez Cid, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, quen lembrou que esta iniciativa, posta en marcha o ano pasado con grande éxito, conta cunha alta valoración das persoas que a levaron a cabo, “algo que nos anima a continuar impulsando e fomentando este xeito de peregrinar”, recalcou.
Esta proposta, consistente en trasladar aos peregrinos en autobús a cada inicio de etapa, con regreso a Ourense ao rematar cada unha delas e co acompañamento dun guía especializado, co obxectivo de achegar o Camiño Mozárabe dun xeito cómodo, doado e asequible para todas as persoas que desexen acadar a Compostela aproveitando os días de Semana Santa.
Así, desde hoxe e ata o 19 de abril, os peregrinos teñen a posibilidade de realizar este itinerario xacobeo en cinco etapas de aproximadamente 20 quilómetros. Deste modo, ponse en marcha un servizo de transporte para que realicen o Camiño durante a Semana Santa, coa facilidade de que este autobús os levará ao punto de inicio da etapa e os recollerá ao remate para volver a traelos a Ourense. Disporán de tempo suficiente para desfrutar dos diferentes puntos de interese en cada etapa e coa garantía de obter a “Compostela” ao finalizar o itinerario.
Cinco etapas
O primeiro día, hoxe 15 de abril, realizarán a etapa Ourense-Cea (21 km) que inclúe unha visita a Oseira. Mañá, mércores santo 16 de abril, será o traxecto Cea-Dozón- Puxallos, un percorrido de aproximadamente 22 km. A terceira etapa será o xoves santo, 17 de abril e levará aos peregrinos desde Puxallos a Silleda (22km); no cuarto día, o venres santo 18 de abril, terá lugar a cuarta etapa que vai de Silleda a Vedra-Susana, sendo un percorrido de 23 ou de 30 km (os peregrinos poderán elexir a etapa longa ou curta). E, por último, o sábado santo, 19 de abril, peregrinarán a quinta etapa de Susana a Santiago de Compostela, o tramo máis curto, de 10 km aproximadamente.
Ademais, contarán ao longo desta experiencia cun autobús de apoio a media etapa e cun guía especializado que lles axudará a descubrir o patrimonio cultural e natural da provincia a través deste camiño.
Mantense tamén a posibilidade de realizar a inscrición por etapas, por un prezo de 15 euros. En todo caso, as inscricións están abertas para que a xente poida organizarse e anotarse con tempo segundo a súa dispoñibilidade. Os interesados poden inscribirse a través da páxina web www.conocegalicia.es ou no número de teléfono 988 253 359.