OurenseÚltima hora

Comeza a XXI Semana Audiovisual da Montaña do Club Alpino Ourensán

Desenvolverase do 25 ao 29 de novembro en diferentes localizacións da cidade

Pena corneira 89. /Foto cedida polo Club Alpino Ourensán.

 

Do 25 ao 29 de novembro o Club Alpino Ourensán organizará a XXI Semana Audiovisual da Montaña con actos en diferentes localizacións da cidade. A súa primeira cita será este luns 25 de novembro ás 20:30h. no Liceo de Ourense. Alí Francisco Javier Valencia “Quico” e Antón Gavela presentarán “Pena Corneira: 65 anos de escalada no corno do Ribeiro”. Nesta proxección lembrarán as súas escaladas neste lugar dende a súa primeira ascensión en 1954 ata a actividade actual, co bloque como protagonista. “Ademais repasaremos distintas accións que o Club Alpino Ourensán promoveu na súa defensa como espazo natural para protexelo das importantes agresións das canteiras”, din dende a organización deste ciclo.

O 26 de novembro, tamén ás 20:30h., pero no Centro Cultural Marcos Valcárcel, será a quenda dos integrantes do Equipo Galego de Novos Alpinistas (ENAG) que abordarán “Un ano de actividade” a través dun audiovisual coas actuacións desenvolvidas e que amosará como se vive esta experiencia dende dentro.

Ata os Balcáns viaxarase na sesión do 27 de novembro (ás 20:30h. no Café Cultural Auriense) da man dalgúns dos participantes en “Peaks of the Balkans: 140 km a través de Montenegro, Albania e Kosovo”. Nesta aventura un grupo de 14 persoas percorrían este traxecto ao longo de 9 xornadas que “oscilaron entre un clima primaveral e a dureza dun inverno aínda latente”, convivindo cos lugareños e coñecendo de primeira man “a fermosa paisaxe dunha das rexións do planeta na que máis culturas conviven”.

O 28 de novembro ás 20:30h. en El Cercano completarase a triloxía “Tres travesías en kaiak, tres destinos” nas Illas Pitiusas da man de Carmela Conde e Kike Soto. “Realizamos dúas travesías principais: en primeiro lugar a circunnavegación completa á illa de Menorca e, en segundo termo, unha impactante travesía liñal pola costa da Tramuntana Norte, na illa Mallorca”, adiantan.

E o broche desta semana audiovisual (na que o Club Alpino Ourensán contará co patrocinio da Fundación Florencio Álvarez e María Teresa Esteban) porase con “K2 Winter top appel: O K2 en inverno”, unha proxección de Alex Txikon que se achega á segunda montaña máis alta do planeta e ao último oitomil sen ascensións no inverno. Terá lugar o venres 29 de novembro ás 20:30h. no Liceo de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button