SanidadeÚltima hora

Comeza na Rúa o obradoiro de saúde “¿Quen coida aos que coidan?”

 

Dirixido a persoas que se ocupan do coidado dun familiar enfermo ou dependente da zona de Valdeorras, está o obradoiro de saúde “¿Quen coida aos que coidan?” que arrancaba na tarde deste xoves 9 de novembro na sala de usos múltiples, no segundo andar do Concello da Rúa, cunha trintena de asistentes.

Organizado polas médicas dos Centros de Saúde da Rúa, Alicia Falagán Seco e Vilamartín de Valdeorras, María Cueva Lozano, o obradoiro celébrase durante dúas horas, os xoves, ao longo de seis semanas co principal obxectivo de “crear un espazo de reflexión acerca do coidador principal”.

Ao longo das sesións falarase da problemática do coidado no ámbito familiar e a súa relación cos roles feminino e masculino, a dependencia, a necesidade dos espazos persoais e o desenvolvemento da autonomía. Tamén se proporcionarán elementos sobre os procesos de envellecemento e deterioro saudables que faciliten o seu desenvolvemento persoal, familiar e social e premitan o traballo de atención e coidado; e desenvolveranse habilidades para “coidar e non deixar de coidarse, para evitar situacións de estrés e desgastes innecesarios”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button