Dende este martes 16 de xullo e ata o domingo día 21, un total de vinte rapazas (18 da Coruña e Lugo e 2 de Valdeorras) participan no III Campus Multi Valdeorras Feminino.
Promovido e coordinado por Isabel Vázquez, (xogadora de fútbol sala e fútbol, graduada en INEF cos niveis I, II e III de adestradora) con adestradoras tituladas e monitores de ocio e tempo libre, o campus de 24 horas mantén o esquema da anterior edición e celebrarase en dúas quendas. A primeira arrincaba esta mañá mantendo o aloxamento no Albergue Municipal, aínda que as actividades desenvolveranse noutras instalacións como o campo de fútbol, o pavillón, a pista multideportiva, a pista de pádel e tenis, as piscinas municipais ou a sala de audiovisuais, todo no complexo “O Bañadoiro”.
E no propio campo de fútbol, recentemente reformado, tiña lugar a presentación á que asistían o alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez xunto aos concelleiros Sherezade Núñez e Camilo Guerra, a coordinadora do campus Isabel Vázquez e o xerente de Ocio y Deportes Valdeorras, Rubén García.
Ta como explicou Isabel, o programa céntrase no desenvolvemento integral das participantes con actividades deseñadadas baixo o mesmo método, “sendo unha prioridade que estas sexan dinámicas e entretidas, para alcanzar unha aprendizaxe activa, social e creativa”, e co obxectivo de “aprender desfrutando, reforzando as amistades e o traballo en equipo, crecer en autonomía e valores, e desenvolver as destrezas necesarias”.
Con respecto aos deportes, ademais de fútbol praticarán baloncesto, balonman, deportes de implemento como tenis, pádel ou tenis de mesa, entre outras modalidades que se van practicar ao longo da semana. Tamén hai inchábeis no pavillón e realizarán saídas para que coñezan lugares cercanas. Esta semana irán a Portugal.
Destacando as fantásticas instalacións coas que contan (inaugurán a pista de pádel), as rapazas compartirán escenario e actividades cos nenos do campus masculino que tamén se está desenvolvendo en Vilamartín, botando de menos maior asistencia feminina da comarca, xa que a inmesa maioría é de fóra. “Animamos a todas as rapazas da zona que xogan ao fútbol a que se apunten”, din.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.