Máis de 40 equipos (entre as categorías júnior, cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamin) participarán no Torneo de Fútbol 7 “Valdeorras Perullo Cup 2023” que vén de poñerse en marcha esta tarde no Campiño de Viloira (O Barco).
O sistema de xogo pode variar en función das categorías e dos grupos, en función do número de equipos que compiten dentro delas. No caso dos prebexamíns (con 5 equipos), dos benxamíns (4 equipos) é un sistema de liga a unha volta con semifinais, mentres que nos alevíns (con 6 en dous grupos de 3) mantense o sistema de liga a unha volta pero con pase dos 2 primeiros á semifinal directamente e o resto xogan os cuartos de final.
O sistema varía con certos matices no caso dos cadetes, con 3 grupos con tres equipos cada un, nos infantís con dous grupos (un de 4 equipos e outro de 3) e nos xuvenís con tres grupos de catro equipos cada un.
Os primeiros encontros disputábanse esta tarde ás 19:30h. e ás 20h., dentro das categorías cadete, infantil e alevín. A competición prolongarase ata o 11 de xuño, polas tardes os días 8 e 9 e xa ao longo de toda a xornada os días 10 e 11 de xuño.
Este torneo, promovido polo CD Barco, inclúe premios para os 4 primeiros clasificados máis trofeo ao mellor xogador/porteiro por categoría.
Fotos: Carlos G. Hervella.