O edificio Santa María Nai é o primeiro punto de intervención das obras de mellora da accesibilidade e seguridade viaria nos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras nos que a Xunta de Galicia, inviste máis de 380.000 euros.
As actuacións, que foron adxudicadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a Construcciones Rafer S.L., cun prazo de execución de 6 meses, teñen por obxectivo reforzar a seguridade viaria, favorecer a mobilidade peonil e mellorar o firme nos hospitais públicos de Valdeorras e Verín e no Universitario de Ourense, tanto en Piñor como no recinto hospitalario situado na rúa Ramón Puga, actuando ao redor do Santa María Nai, no acceso principal ao Cristal e diante do Edificio Cirúrxico.
Os traballos centrados no Hospital Universitario favorecerán os desprazamentos a pé, executando novas beirarrúas e ampliando as actuais, e mellorarase a seguridade dispoñendo pasos peonís elevados, para reforzar a visibilidade, e ramplas que favorezan os desprazamentos de persoas en cadeira de rodas. Tamén, na contorna do Hospital Universitario, disporase pavimento podotáctil para facilitar a mobilidade das persoas con dificultades de visión.
Novas paradas de autobús
Ademais, reordenaranse os accesos e crearase espazo para novas paradas de autobús, para mellorar a accesibilidade e permitir maior fluidez na circulación. Ao tempo, habilitaranse áreas de aparcadoiro reservado para ambulancias e vehículos autorizados.
En Piñor, as actuacións contemplan unha intervención intensiva do vial de acceso e da área de aparcadoiro, situada diante da entrada principal, incluindo a rotonda e os viais dirixidos á base do 061 e ao Servizo de Rehabilitación.
Con esta nova intervención dase continuidade aos traballos realizados no H.U. de Ourense, en 2016 e 2019, de urbanización e construción de dúas novas vías no lateral este, e de mellora do firme e accesos no Cristal e Materno Infantil, cun investimento cun investimento conxunto de máis de 1,3 M€.
De xeito global, os traballos que se realizarán nos tres hospitais da provincia están destinados á mellora da seguridade e accesibilidade a través de itinerarios peonís cómodos e seguros, ademais da rehabilitación do firme nos lugares con maior deterioro.