Veñen de iniciarse as obras de renovación de abastecemento, saneamento e pavimentación na Urbanización dos Nidos do Barco, adxudicadas á empresa Cymotsa, cun importe de algo máis de 141.000 euros. Teñen un prazo máximo de execución de 3 meses, e consistirán na substitución das redes de abastecemento e sumidoiros da urbanización, así como a reposición de beirarrúas e pavimentación das rúas. Ademais, tamén se renovarán as redes de augas pluviais existentes na rúa superior da urbanización, que estaba en malas condicións.
“Esta substitución non estaba prevista no proxecto inicial, pero unha vez redactado, detectáronse numerosas roturas e un defectuoso estado ao longo de toda a súa traza, proporcionando un servizo inadecuado aos habitantes destas vivendas. Dado que esta condución se atopa dentro da área de actuación do mencionado proxecto, sendo a beirarrúa baixo a que discorre unha das vías peonís a pavimentar, considerouse necesaria a súa substitución, asumindo o Concello a integridade do seu custo”, segundo informa o Concello do Barco
Tamén se engadiu, fóra do proxecto que o Concello remitiu á Xunta para a súa inclusión na liña de subvencións, a pavimentación de todas as zonas peonís, así como a área de descanso da zona do xogos e o parque.
“Este proxecto está parcialmente subvencionado pola Xunta de Galicia, dentro do coñecido como Plan Hurbe, para obras de infraestrutura en concellos de menos de 50.000 habitantes. Do total do investimento de 141.000 euros, a Xunta aporta 67.760 euros”, tal e como indica o Concello do Barco.