A RúaConcellosÚltima hora

Comezan as obras para a preinstalación de alumeado público na avenida Barreais, na Rúa

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras para a preinstalación de alumeado público na estrada autonómica OU-602, na avenida Barreais, no concello da Rúa. Trátase dunha intervención que supón un investimento de preto de 50.000 euros e descorre ao longo de preto de 1 quilómetros desta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 0+650 e 1+570, coincidente co tramo situado na marxe esquerda desde a intersección da OU-602 coa estrada OU-933 e o Camiño Viña da Santa.

Os traballos consisten na “preinstalación de iluminación neste treito co obxectivo de contribuír á mellora da seguridade viaria das persoas que transiten polas marxes desta estrada ao seu paso polo municipio”, indican dende a consellería.

A avenida Barreais atravesa nun primeiro treito unha zona industrial con amplas marxes a ambos os dous lados, e o segundo treito conta con cuneta tendida nunha das marxes e sobreancho de formigón que conforma a beiravía pola outra marxe. “Para executar a nova canalización de iluminación nesta zona da OU-602, as obras que veñen de comezarse aproveitarán os sobreanchos da zona industrial e, no segundo treito, executarase a canalización no exterior da plataforma xunto á cuneta existente”, explican dende Infraestruturas, engadindo que a canalización eléctrica “desenvolverase a través dun tubo de polietileno de 90 mm de diámetro, soterrado en gabia recheada con chan seleccionado de préstamo”.

 

 

Na execución da gabia e o tendido da tubaxe, “os traballos fan necesario a demolición dos tramos onde actualmente existe un pavimento de formigón, bandas laterais en zona industrial, que unha vez sexa completado o recheo serán repostos con formigón. Tamén se disporán arquetas prefabricadas de formigón de dimensións 40x40x40 centímetros nos cruces e quebros da canalización. A preinstalación de iluminación completarase coa disposición de 22 postes de iluminación, de aceiro galvanizado, de 9 metros de altura, coa súa correspondente cimentación”.

Ademais, a nova canalización conectará ao comezo e ao final con postes existentes de iluminación pública onde se dispoñen tubos de paso aéreo-subterráneo.

A previsión é que, unha vez estean rematados estes traballos, “o Concello complete a actuación instalando as luminarias nos postes que se dispoñen no marco desta intervención”. A obras desenvólvense dentro da banda de dominio público da OU-602, polo que non precisa de expropiacións.

Artigos relacionados

Back to top button