CulturaCulturaÚltima hora

Comezan os actos do 10º aniversario das escavacións na Cibdá de Armea (Allariz)

 

Neste 2021 o Concello de Allariz e a Universidade de Vigo camiñan cara a celebración do X aniversario do proxecto arqueolóxico de Armea, nado no 2011 e que de forma ininterrompida chega a unha década de traballos e a consecución dos obxectivos planeados nun inicio.

“Seguindo a mesma filosofía do proxecto e con motivo do 10 aniversario deséñanse unha serie de actividades que buscan a interacción cos diferentes sectores do entorno e así achegar o proxecto a cidadanía. As acción previstas buscan divulgar o proxecto e o patrimonio como ferramenta para o desenvolvemento rural do territorio”, sinalan dende o Concello.

Así, esta mañá presentouse na Paneira a primeira desas actividades, a exposición “Armea, a visión dos artistas locais”, onde preto dunha vintena de artistas de Allariz mostran a súa visión da Cibdá de Armea e o seu entorno. Os artistas e artesáns colaboran coa posta en marcha desta exposición onde queda reflexada a visión que eles teñen do xacemento.

Obras de diferentes disciplinas artísticas como son a pintura, a escultura, o gravado e a fotografía. Unha óptica diferente, tantas visións coma artistas para pór en valor a beleza plástica do xacemento e a súa contorna. Será na paneira do 25 de Xuño ao 25 de Xullo e poderase visitar en horario de martes a venres en horario de 19:00h ás 21.00h e sábados, domingos e festivos de 12:00h ás 14:00h e de 19:00h ás 21:00h.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, quixo agradecer a colaboración e apoio de todos eles para facer que esta “exposición sexa o arranque dun verán cheo de actividades para celebrar estes 10 anos e para achegar o proxecto a toda a cidadanía”. Tamén agradeceu a implicación da Universidade de Vigo e ao director das escavacións , por apostar por este proxecto dende os inicios.

 

Pola súa banda Adolfo Fernández, vicedecano da Facultade de Historia do campus de Ourense e director da escavación valorou a importancia deste tipo de actividades para que todos e todas podamos coñecer o noso patrimonio dunha forma diferente e atractiva e podamos achegarnos así a toda a riqueza que ten a Cibdá de Armea.

Ademais, dentro desta exposición está María Lázuli, orfebre de Allariz, que reproduciu unha caixa de selo atopada no xacemento e realizou distintas pezas de xoiería que tamén se poderán ver dentro desta exposición.

Mostra no casco histórico e novas escavacións, entre outros actos

Outra das actividades programadas para a celebración do X aniversario do proxecto Armea que permanecerá durante todo o verán será unha exposición, en forma de lonas repartidas polo casco histórico de Allariz, na que poderemos coñecer os traballos realizados no xacemento arqueolóxico ao longo deste 10 anos de escavacións. Esta exposición de rúa estará a disposición da veciñanza a partir da semana que vén.

A principios do mes de xullo comezará a tempada 2021 de escavacións arqueolóxicas en Armea, cunha nova intervención do equipo de arqueoloxía da Universidade de Vigo con persoal de prácticas, como ven sendo habitual na última década.

Por outra banda tamén se editou un Roteiro Arqueolóxico Etnográfico de Armea e Santa Mariña de Augas Santas en dous formatos, un en papel cunha explicación dos puntos máis representativos. Dentro do folleto atópase un código Qr que nos leva á ruta virtual marcada para facilitar o paseo por Armea e Santa Mariña de Augas Santas.

E no mes de outubro haberá unha Xornadas divulgativas organizadas entre o Concello de Allariz e a Facultade de Historia do Campus de Ourense, do que se presentará máis adiante o seu programa.

Artigos relacionados

Back to top button