En portadaGalerías de fotosOurenseÚltima hora

“Como me da la gana II” e “Boone”, mellores filmes do 21 OUFF

A lectura do palmarés do certame, no que o xurado do C.C. Padre Feijóo escollía a “The dazzling light of sunset” como mellor filme de óperas primas, tiña lugar no mediodía do 4 de novembro

O xurado do Cine Club Padre Feijóo era o primeiro en desvelar a súa decisión. “Unha nova colaboración co OUFF, que se caía de madura, que era unha cousa necesaria”, resaltaba o director do certame Fran Gayo, á beira das tres intregantes deste xurado (María Barreiro, Laura Iglesias Campos e Mariana Romero González) que, de seguido, anunciaban que o premio á mellor película da competición óperas primas recaía en “The dazzling light of sunset”, de Salomé Jashi,”pola mirada da directora e a dozura coa que amosa a realidade do seu país”, un filme que “destaca pola súa sinxeleza e ao mesmo tempo pola súa complexidade de estrutura, sendo un gran mosaico que chega á perfección ao xuntarse todas as súas pezas”, engadían. Ademais outorgaban unha mención especial a “Notes on blindness” de Peter Middleton e James Spinney, pola súa “capacidade de sorprender, a súa beleza e o modo no que amosa a madurez que pode chegar a ter unha opera prima”.

A continuación unha das integrantes do xurado da competición de óperas primas, Maialen Beloki, anunciaba que se escollía como mellor filme “Boone” de Christopher Lamarca. Deste traballo, Beloki resaltaba o valor de crear unha “experiencia inmersiva e non manipuladora” e calificábaa como un “necesario cinema de resistencia para un modo de vida de resistencia”. Asemade concedía unha menación especial a “Las calles” de María Aparicio pola “capacidade seductora dos seus retratos tomados a través do non continuo rexistro documental”.

Finalmente Miriam Reyes e Luis López daban a coñecer os premios que decidía o xurado da competición iberoamericana, do que formaban parte. Como mellor película escollíase a “Como me da la gana II” de Ignacio Agüero, por “explorar o sentido íntimo e ao mesmo tempo universal da expresión cinematográfica”, así como “por reivindicar o valor do interrogante e o extravío na creación e a reflexión ao redor das imaxes”.

O premio ao mellor director era para Gustavo Fontán por “El limonero real” por “mergullarnos nunha realidade palpable e á vez alucinada” polo seu “achegamento sensorial ao duelo e á perda desde unha mirada na que coexisten a familiaridade e estrañeza”. Os galardóns ao mellor actor e actriz correspondíanlles a Juan Lugo e Luna Acosta por “Días extraños” de Juan Sebastián Quebrada, por “encarnar unha película plena de vitalidade, enerxía, tenrura e conflito”.

O palmarés completábase cunha mención especial a “Hermia & Helena” de Matías Piñeiro, por “capturar a esencia da comedia de Shakespeare nun hábil exercicio de tradución fílmica do seu espírito lúdico e o seu dinamismo escénico”.

Os premios serán entregados na gala de clausura do 21 OUFF, que comezará a partires das 20h. desta mesma tarde no Auditorio Municipal de Ourense. Nela tamén se renderá homenaxe a Carlos Velo coa proxección do seu filme “Pedro Páramo”, realizado en 1966.

Texto: A.R.
Fotos: Mónica G. Bellver
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button