Na fin de semana do 25 e 26 de abril O Barco acollerá, un ano máis, varias probas nacionais de Descenso de Augas Bravas en distintas modalidades no río Sil. Así o sábado á tarde terá lugar a Copa España en modalidade sprint individual con dúas mangas (a primeira ás 15h. e a segunda ás 16:45h.) na zona do Cachón.
Xa o domingo á mañá desenvolverase a Copa España clásica individual con saída dende Éntoma ás 10h. e chegada ao Cachón. Xa ás doce darase paso ao Campionato de España de patrulla (equipos de tres padexeiros) na modalidade clásica, co mesmo percorrido. Ao mesmo tempo nesta fin de semana desenvolverase o campionato galego sprint e clásica.
No total destas probas está prevista a participación duns 15 clubs Cataluña, País Vasco, Castilla León, Asturias e Galicia, entre eles o Fluvial Barco, así como de arredor de 200 inscritos, unhas cifras similares ás doutras edicións. Así o sinalaban representantes do Fluvial Barco na presentación do seu programa este 17 de abril no salón de actos do Multiusos do Barco. Estaban acompañados polo alcalde barquense, Aurentino Alonso; así como pola deputada provincial María Carmen González, e polo seleccionador de augas bravas.
Dende o club tamén se apuntaba que esta será a derradeira das probas desta circuíto nacional e que de aquí sairán as prazas para o mundial desta especialidade, que ata agora é minoritaria dentro do piragüismo.
Pola súa banda, o alcalde do Barco poñía en valor o traballo do Fluvial Barco e agradecía o apoio da Xunta e da Deputación de Ourense nestas citas deportivas, “que son unha satisfacción para O Barco e esperamos que sexan un éxito”. Tamén interviña a deputada delegada especial da Deputación para Valdeorras, e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, quen lembraba que a administración provincial aposta sempre por colaborar coas actividades deportivas e indicaba que o deporte é “unha lección vital” e concluía asegurando que Valdeorras constitúe un referente dentro do piragüismo.
Fotos: O SIL.
