Concellos

Concello e Protección Civil de Verín asinan o convenio anual de colaboración

A agrupación de voluntarios incrementou os operativos realizados no ano 2016 nun 163%
Momento da sinatura do convenio no Concello de Verín.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, Manuel Alfonso Araujo,  asinaron na mañá do 6 de abril,  o convenio de colaboración entre  as dúas entidades para o mantemento da operatividade e prestación de servizos da agrupación neste ano 2017.

No acto, ao que tamén asistíu a concelleira de Protección Civil, Tráfico e Seguridade Cidadá, Cándida Couñago, o presidente da agrupación entregou e explicou aos edís a memoria anual de actividades realizadas polos voluntarios durante o ano 2016, destacando un incremento do 163% nos operativos realizados con respecto ao ano anterior.

Tal como explican dende o Concello, o obxecto do convenio é regular as bases de colaboración entre o ente local e a agrupación de voluntarios destinado ao cumprimento dos estatutos actuais da agrupación, aprobados o pasado 11 de xuño do ano 2014 pola asemblea de voluntarios da mesma e o pleno municipal na sesión do 20 de xuño da mesma data, no que se estipula que “a Protección Civil Municipal ten coma fin establecer unha organización en base aos recursos municipais, para garantir a coordinación preventiva e operativa da protección das persoas e bens diante dos posibles danos derivados de situacións de emerxencia, grave risco, catástrofe ou calamidade pública, sen esquecer as emerxencias menores, mediante a posta en marcha de distintos mecanismos que permitan evitar estas situacións, reducir os seus efectos, reparar danos e, no seu caso, contribuír a corrixir as causas produtoras das mesmas”. Entre as cláusulas que regula o mesmo atópanse o financiamento dos gastos derivados do mantemento da operatividade da agrupación, a cesión da utilización dun espazo para a mesma, mentres que a agrupación comprométese a dar ou facilitar a formación necesarias aos seus membros, así como atender ás demandas de servizo que faga o Concello de Verín, a Xunta de Galicia a través do 112 e outras entidades públicas ou privadas (previa autorización do Concello de Verín), entre outras.

Artigos relacionados

Back to top button