EconomíaEconomíaÚltima hora

Concentración na Rúa en contra do peche do Centro de Operacións de Cunca por parte de Iberdrola

A manifestación era convocada pola CIG diante das oficinas da empresa enerxética

 

“O centro de control non se pecha”; “queremos traballar”; “coa CIG na Rúa a loita continúa”; ou “Iberdrola culpable, Xunta responsable”, son algunhas das frases que se escoitaban na mañá deste mércores 24 de febreiro, na concentración convocada pola CIG en contra do “peche do COC-SIL”.

Así, diante das oficinas de Iberdrola, na Rúa, os manifesantes reuníanse para “denunciar o peche que por parte de Iberdrola se quere facer do centro de control, que dende o noso punto de vista non obedece a ningunha causa xustificada, senón que máis ben demostra o desprezo e ese infinito e permanente expolio dos nosos recursos naturais e enerxéticos”, aseguraba o secretario xeral da CIG Pablo Corral, engadindo que “a produción de enerxía non xera unha actividade económica nin emprego”.

Así, dende a CIG reclaman a Iberdrola que “cese neste intento de querer pechar este centro e trasladalo a Salamanca”, facendo extensiva a reclamación á Xunta de Galicia “que ten todas as competencias para impedir esta atrocidade, xa que estamos nun momento crítico de crise económica e nunha provincia con déficit de emprego”. Carril asegura que, especialmente nun momento no que está en marcha o proceso de transición enerxética, os recursos naturais galegos e a produción de enerxía, “temos que denunciar que a Administación siga beneficiando a compañías como Iberdrola ou Fenosa, sen que no noso territorio xere máis que degradación medioambiental e nada de emprego nin industrialización”, reclamando unha “actuación urxente”, neste caso concrero por parte da Vicepresidencia Económica da Xunta que ten as competencias en enerxía.

 

Pablo Carril, secretario xeral da CIG.

 

Apoiando á concentración tamén estaba o concelleiro do PSdeG-PSOE no Concello da Rúa, Luis F. Gudiña, quen asegura que “como veciño da Rúa e concelleiro, considero case unha obriga estar hoxe aquí defendendo a continuidade do centro de control no noso municipio”. A este respecto, Luis adianta que dende o grupo socialista xa presentaron iniciativas, tanto no Concello onde presentaron unha moción a pasada semana, como na Deputación onde se debatirá mañá no Pleno da Deputación unha proposta conxunta de todos os deputados, e incluso no propio Parlamento.

Dende o BNG, o concelleiro Avelino Fernández Seco, tamén amosou o seu apoio “contra o desmantelamento de Iberdrola, unha empresa que tivo moita importancia na Rúa. Non nos parece xusto que despois de aproveitarse de todos os nosos recursos, agora pretendan marcharse así, axudando aínda máis ao desmantelamento de todo o que é a industria de Galicia”, asegura.

 

Fachada das oficinas de Iberdrola, na Rúa.

 

Dende Iberdrola, pola súa banda, reiteran que “o Centro de Traballo da Rúa non se pecha”. Explican que se trata do traslado dun dos departamentos ubicados na Rúa e afecta a 12 persoas dun total de 147 postos de traballo, ubicados todos no entorno rural de Ourense e parte de Lugo. “En concreto, na oficina da Rúa mantéñense uns 40 postos”, puntualizan, incidindo en que “o cambio organizativo non afecta para nada á xestión, nin ao mantemento, nin á operación das instalacións, labor que se seguirá facendo dende A Rúa e dende cada unha das centrais, como ata agora”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button