Unha vez máis, CIG-Saúde vén de manifestar a súa preocupación pola situación na que se atopa o Hospital Público de Valdeorras, que “amosa un deterioro constante indo camiño da irrelevancia asistencial”.
Este sindicato considera “inasumible esta situación”, e, nese senso, chama á poboación do Distrito Sanitario de Valdeorras a secundar as concentracións convocadas tódolos mércores ás 12 horas “diante do Hospital de Valdeorras e, sobre todo, o apoio á manifestación na defensa e recuperación dos servizos e recursos sanitarios perdidos no noso distrito. Manifestación que será convocada e realizada no que queda do presente ano”.
Así mesmo CIG-Saúde asegura que “temos coñecemento de que esta fin de semana o Hospital de Valdeorras non conta con servizo de traumatoloxia, xa non parece pois imprescindible ter un especialista de garda neste distrito, agora xa deberemos aceptar o asumir que só poderemos aspirar a enviar directamente o paciente a Ourense”.
Neste senso, este sindicato “insta á xerencia de área á inmediata cobertura da garda de traumatoloxía no distrito sanitario de Valdeorras”.