CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Concerto de despedida dos Cuchufellos, en Manzaneda

O festival A Rebusca continúa esta noite na nave do Toural con outras cinco bandas

Despois de dúas décadas actuando dentro e fóra de Galicia, protagonizando un directo explosivo con ritmos electrizantes e pezas cargadas de enerxía, a banda de Manzaneda, Cuchufellos, decidía despedirse dos escenarios. E facíao na casa, na X edición da Rebusca de Outono, o espazo ao que sempre estiveron vencellados. A eles estivo adicada a primeira xornada do festival na noite do venres 18 de novembro no Toural, rodeados polos “grupos amigos que sempre xiraron ao noso redor”, Zurrumalla, Tres Trebóns, La Tarrancha, Ce Orquestra Pantasma,…

O home orquestra era precisamente quen daba paso ao concerto de despedida dos incombustibles Cuchufellos que sobre o escenario fixeron unha vez máis, o que mellor se lles dá, tocar, bailar e animar a festa. Marcos Conde (batería que anunciaba a súa recente paternidade), Baloira (gaita e voz), Darek (baixo), Rubén (trompeta e voz), Roberto (saxo), Davide (guitarra), Marcos Neda (saxo), Pacheco (saxo), Nacho (acordeón, percusión e voz) e Andrés (voz) son os membros desta mítica banda que baixaba o pano da súa historia como grupo coa súa “música da Galiza”. Pode que nalgún momento se volvan xuntar ou pode que non, pero nestes vinte anos de traxectoria fixéronse un oco no panorama musical galego que sempre lles pertencerá.

A Rebusca continúa esta noite a partires das dez e media, de novo na nave do Toural, cos concertos de Poetarras (22:30-23:45h.); Freak Fandango (00:10-01:25h.); Ruxe Ruxe (01:50-03:05h.); La Trocamba Matanusca (03:30-04:45h.); e Brigada Am (05-07h.).

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button