OurenseÚltima hora

Concerto de La Musgaña no Museo Etnolóxico de Ribadavia

Este grupo de música tradicional de Castela e León, cunha dilatada traxectoria, actuará o domingo 7 de abril ás 13h
O grupo La Musgaña.

O salón de actos do Museo Etnolóxico de Ribadavia convertirase en escenario o vindeiro domingo 7 de abril dun concerto de música tradicional de Castela e León da man do grupo La Musgaña, formado por Carlos Beceiro, Jaime Muñoz e Luis Antonio Pedraza. Esta actuación está promovida dende o museo coa colaboración da Asociación de Amigos do Museo e do Conxunto Histórico de Ribadavia (AMECHIR) e terá lugar ás 13h.

“Tras 30 anos de carreira musical, La Musgaña preséntanos un novo directo que tenta resumir parte do legado musical que foi elaborando disco a disco, concerto tras concerto, revisando vellas cancións que xa son imprescindibles no repertorio do folk ibérico. Un amplo percorrido pola música instrumental e cancións da Meseta, profundando na esencia da súa riquísima tradición e desenvolvendo, mediante composicións propias inéditas, as posibilidades estéticas desta herdanza cultural infestada de mestizaxe”, tal e como se informa dende o Museo Etnolóxico de Ribadavia.

Esta formación conta cunha dilatada traxectoria e levou a tradición musical de Castela e León por diferentes partes do mundo: Estados Unidos, Inglaterra, Italia, Marrocos, Francia, Alemaña, Rusia… Apostan por unha interpretación “moderna e complexa, pero co respecto e fidelidade á tradición e cultura herdadas dos nosos antepasados”, sinalan dende o museo.

Artigos relacionados

Back to top button