CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Concerto do cuarteto de saxos Synthèse Quartet, o sábado 23 de xaneiro en Sober

A actuación será ás 19 horas no Centro Sociocultural da localidade, con entrada libre

Cuarteto de saxos, Synthèse Quartet.

 

Da man do Concello de Sober e das Xuventudes Musicais, este sábado 23 de xaneiro celebrarase un concerto  de saxos a cargo de Synthèse Quartet que chegarán á localidade lucense para presentar os seu traballo Música sin fronteras. A actuación será ás 19 horas no Centro Sociocultural, con entrada libre.

O cuarteto leonés está formado por Javier Valero Aladrén, saxofón soprano; Ángela Romera Tutor, saxofón alto; Ismael Arroyo Blázquez, saxofón tenor e Raúl Flox Prado, saxofón barítono. Foron galardoados co 1º Premio e Premio Especial do Público no X Concurso de Mocidades Musicais en Ávila na categoría superior, co 1º Premio no II Concurso Nacional de Música de Cámara de Utrera “Abate Marchena”, co Premio Especial á mellor interpretación dunha obra española no XXII Certame de Mozos Interpretes “Pedro Bote”, co 1º Premio no XIII Concurso Nacional de Música de Cámara “Villa de Cox” e co 1º Premio por dous anos consecutivos no III e IV Concurso de Música de Cámara do P.M.Salamanca.

Complementos á súa formación foron a xira de concertos celebrada en Gdansk (Polonia) como galardón á súa participación no Festival Salmuz de Salamanca, así como numerosos recitais que ofreceron por toda a xeografía española onde cabe resaltar salas como “El Pósito” (Sigüenza), “El Liceo” ou “Juan del Enzina” (Salamanca), “El club de regatas” (Santander) ou no Palacio de Congresos de Mérida.

Na música nunca existiron fronteiras, por iso, hoxe en día temos unha gran riqueza musical que provén de moitos lugares distintos. O programa que presenta Synthèse Quartet, aposta pola difusión da variedade musical e brinda un percorrido por diferentes épocas e estilos nos que a música se concibe de maneira moi distinta. A primeira parada son os EE.UU. e o compositor D. Maslanka; a segunda será Rusia e a súa mestizaxe sonora, neste caso protagonizado por Glazunov. Por último, será a quenda de obra ‘Cidades’, unha obra de Guillermo Lago que pretende copsar a sonoridade de tres cidades tan dispares como Addis Abeba, Saraievo e Córdoba.

 

Artigos relacionados

Back to top button