CarballedaConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Concorrida e animada Romaría do San Xil Vello en Casaio, neste 1 de maio

Os actos comezaban coa procesión do santo e continuaban coa misa e, finalmente, o xantar no exterior da capela

 

Coa asistencia de máis xente que outros anos se celebraba neste primeiro de maio a tradicional Romaría do San Xil Vello, nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras). O día, soleado e cálido acompañaba polo que eran moitos os veciños que se animaban a participar a subir ata a fermosa paraxe a uns mil metros de altura na que se asenta este pequeno templo, enmarcado polos cumes de Trevinca e moi preto do Teixadal.

 

 

Os actos comezaba ás 12:30 horas coa procesión encabezada pola imaxe do santo e co acompañamento musical da charanga Mencía de Toral de los Vados. Ademais, nesta ocasión houbo fegreses ofrecidos que seguindo a tradición pasaban por debaixo da talla. De seguido tiña lugar a misa no interior da capela.

 

 

A romaría continuaba cun xantar no exterior, con todo tipo de viandas (entre elas carne á grella), aproveitando este espléndido luns, día 1 de maio para compartir coa familia ou cos amigos.

 

 

O San Xil Vello é o mesmo santo e patrón de Casaio, cuxa festa se celebra o 1 de setembro, pero que é lembrado nunha data diferente. “Dende que se construíu a nova capela, a festa faise nela en setembro. Sen embargo, para non perder a devoción nesta capela orixinal faise esta celebración cada primeiro de maio, sempre que sexa posible, xa que se chove o lugar ponse moi mal”, explica o párroco, Juan José Prieto, que se encarga de oficiar a eucaristía.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button