A RúaConcellosÚltima hora

Concorrido paseo histórico-cultural polo Camiño de Inverno ao seu paso pola Rúa

 

Non son unhas andainas ao uso. De feito adoitan ser curtas, amenas e con moitas paradas. As propostas feitas dende a Oficina de Turismo Valdeorras da Rúa non son para facer deporte (que tamén), senón para coñecer pouco a pouco os segredos que agocha a comarca de Valdeorras.

Con este propósito, pasadas as once da mañá deste domingo 5 de decembro arrincaba dende a Capela de San Roque, na Rúa vella, un novo paseo por esta localidade valdeorresa, con pinceladas de historia, de cultura e por suposto de viño.

Nesta ocasión nin o frío nin a seria ameaza de chuvia asustaron aos 42 asistentes (a actividade con máis participacion ata o momento) chegados dende diferentes punto da comarca e tamén de Marín, Asturias e incluso Madrid, animados a seguir coñecendo a zona.

 

O punto de encontro da andaina foi a Capela de San Roque, na Rúa Vella.

 

A ruta comezaba no campo de San Roque, seguindo o Camiño de Inverno ata a Adega Quinta da Peza onde remataba coa cata de viños (Mencía e Godello). E entre medias, os guías Soledad Figueroa (responsable da oficina de turismo) e Luis Carrón ían explicando detalles da ruta xacobea alternativa ao Camiño Francés, así como do pasado romano da vila (Vía XVIII, placa funeraria de Lucio Pompeyo Reburro Fabro,…) e mesmo de edificios emblemáticos como as igrexas de Santo Estevo e Fontei.

A seguinte actividade programada dende a oficina de turismo será o mércores día 8 para descubrir un novo desgredo de Valdeorras: o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e os restos da Vía Nova, con visita á Adega O Cepado en Rubiá.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button