Na tarde deste 23 de setembro quedaba constituída no Centro Tecnolóxico da Pizarra en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) a mesa negociadora do convenio marco do sector da lousa, que ten un carácter estatal. Dela forman parte 9 membros pola parte sindical e outros tantos pola empresarial. “A representación sindical estará formada por 6 membros de UXT, 2 de CCOO e 1 da CIG”, explica o secretario xeral da FICA-UXT Galicia, Javier Carreiro.
Unha vez constituída a mesa, convocouse unha nova reunión para primeiros de outubro onde xa se prevé presentar plataformas como paso previo ás negociacións. “Nesa terceira reunión xa imos entrar en materia, dende a UXT entregaremos a plataforma que estamos preparando”, adianta Javier Carreiro.
Esta é xa a segunda reunión que manteñen sindicatos e patronal con relación ao convenio marco, tras un primeiro encontro que tiña lugar o 2 de setembro no que, ao non estar perfectamente definidas as porcentaxes de representación pola parte sindical, decidíase establecer unha nova xuntanza, a deste 23 de setembro, para formar a mesa de negociación, contando xa cos certificados oficiais de representatividade de cada sindicato.