Con motivo do vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas adicado nesta edición de 2022 ao autor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán pola súa labor como poeta, tradutor, editor, … entre outras moitas; o Concello de Viana do Bolo vén de presentar unha variada programación pensada para todas as idades.
“Dende o Concello de Viana do Bolo queremos celebrar esta data tan importante para a nosa lingua e literatura organizando unha serie de actividades para toda a veciñanza: contacontos, obradoiros de manualidades, música, lectura…”, explican dend esta administración local.
Entre elas figura o concurso de poesía infantil e xuvenil “Viana saca a lingua”, con varios premios (bonos-regalo para gastar no comercio local) e un agasallo sorpresa para os participantes. Ademais haberá un contacontos ilustrado e musicalizado “Florencio Delgado Gurriarán de Valdeorras a México”. Terá lugar na tarde do 11 de maio na biblioteca e está pensando para público infantil e familiar.
Así mesmo, na tarde do 14 de maio impartirase na praza Maior da vila un obradoiro infantil de marcapáxinas. Tamén se fará o obradoiro “Pedra, tradición, a lingua no Pilón”, dirixido á cativada e que consistirá “na decoración de pedras nas que, a través da creatividade, os participantes expresarán a importancia da nosa lingua. As pedras decoradas serán exhibidas na praza Maior de Viana do 13 ao 18 de maio”, adianta o Concello.
E a mañá do 17 de maio estará amenizada na praza Maior con música a cargo dunha charanga local e logo farase unha lectura pública e voluntaria da obra de Gurriarán, aberta ao público de todas as idades. Ademais, dende finais de abril a Casa da Cultura de Viana acolle a mostra “As Letras de Florencio”, realizada por alumnos de Valdeorras.