ConcellosO BarcoÚltima hora

Continúa a posta en valor do Castrillón (Larouco) cun campo de voluntariado arqueolóxico

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaba esta mañá o castro, acompañada pola alcaldesa, para coñecer o traballo que se está a desenvolver

Publicidade

 

Novo paso para avanzar na investigación, divulgación e posta en valor do xacemento do Castrillón (Larouco). Nesta semana vén de poñerse en marcha un campo de voluntariado centrado neste xacemento coa participación dunha ducia de rapaces, algúns galegos e outros chegados doutras comunidades autónomas como Soria ou Andalucía, que alternarán o seu labor no castro con visitas a lugares de interese da contorna. Con este campo, que se prolongará ata o 13 de xullo, búscase realizar catas en sectores novos do xacemento onde non se interviu ata agora e tamén descubrir o punto polo que accedían ao poboado os seus habitantes.

Esta mañá os participantes neste campo de voluntariado, que está en mans de Xeitura S. Cooperativa Galega, recibían a visita da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, que, acompañada pola alcadesa de Larouco, Patricia Lamela, achegábase ata O Castrillón para coñecer in situ o desenvolvemento da actividade e aos seus participantes, que estaban iniciando unha sondaxe nun dos sectores deste espazo arqueolóxico valdeorrés.

 

A directora xeral de Voluntariado, coa alcaldesa de Larouco e os participantes no campo de voluntariado do Castrillón./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

“Este é o primeiro campo de voluntariado que facemos neste concello, de feito, este campo é unha das novidades deste ano 2021 da campaña de verán da Xunta de Galicia, na que temos máis de 7.800 prazas e algunhas están aquí, no concello de Larouco, para mozos e mozas de entre 18 e 30 ano, que están axudando ao equipo de arqueólogos a actuar neste xacemento e tamén desfrutando da paraxe natural e de todos os atractivos deste concello e da comarca, xa os mozos tamén dispoñen de tempo libre e de lecer neste entorno”, explicaba Cristina Pichel.

No seu traxecto polo xacemento tamén coñecía o seu monumental sistema defensivo, con detalles como pedras fincadas, así como as zonas escavadas na campaña arqueolóxica realizada no outono e que sacaban á luz os restos dunha cabana escavada na rocha na parte alta do castro. Pichel tamén descubría as singularidades da flora e fauna do lugar, onde aniña, por exemplo, a aguia real.

 

A directora xeral de Voluntariado, xunto a duns elementos do sistema defensivo do Castrillón (Larouco)./ Foto: A.R.

 

A iniciativa de promover este campo de voluntariado partía do Concello de Larouco, que é ademais o único da comarca que conta este ano cunha actividade deste tipo e vinculada ademais á arqueoloxía. “O concello de Larouco ten outros moitos castros, pero O Castrillón é, sen lugar a dúbidas, o máis impresionante e o que máis maxia ten, non só no arqueolóxico, senón tamén no entorno. E estou moi contenta porque estes rapaces que viñeron de fóra están marabillados e moi sorprendidos do pouco que se coñece este lugar”, destacaba Patricia Lamela.

A rexedora tamén se confesaba sorprendida polo feito de que ningún dos mozos do campo estea relacionado coa arqueoloxía. “Hai unha enxeñeira aeronáutica, hai unha médica, un biólogo, un mecánico… son xente que non ten nada que ver coa arqueoloxía e que, sen embargo, amosaron moito interese e están moi sorprendidos coa nosa comarca”.

Fotos: Mónica G. Bellver/A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button