As citas gastronómicas están máis de moda que nunca. E mostra diso é a multitudinaria XVIII edición da Festa do Cordeiro que no mediodía deste sábado 26 de abril reunía a unhas 800 persoas no pavillón municipal de Larouco.
O programa comezaba xa pola mañá cun torneo de petanca para inaugurar as pistas creadas hai uns meses a caron do pavillón. O mesmo espazo que, pasadas as dúas da tarde e tralo pasarrúas do grupo Algarabía polo pobo animando o ambiente, abrías as portas para dar comezo ao xantar popular, servido novamente por Mantesil, cun menú a base de entremeses, empanada, cordeiro con ensalada e patacas asadas, bica, café e chupitos.
Con respecto aos asistentes, a esta XVIII edición da Festa do Cordeiro de Larouco acudían numerosas autoridades políticas, entre elas o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid; o director de la Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería de Medio Rural, Martín Alenparte; e numerosos alcaldes e representantes de concellos da provincia de Ourense e doutras zonas de España. De feito sorprendía a presenza de Silvestre Barroso Jarillo, alcalde do Concello de Benarrabá, na provincia de Málaga, famoso por ser o único sitio que o concello ten cabras públicas con pastores saharauis para os desbroces.
Nesta ocasión, parte da decoración do pavillón municipal corría a cargo das Mulleres Rurais de Larouco que calcetaban unhas simpáticas e curiosas ovellas de lá que compartían escenario con fermosas árbores iluminadas. Ademais, o xantar viña con sorpresa, xa que debaixo dalgúns platos había premio (botellas de viño) que os agraciados recollían in situ.
Coma sempre, os voluntarios de Protección Civil (de Larouco e Petín) colaboraban co evento velando pola seguridade dos asistentes.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.