ConcellosO BoloSanidadeÚltima hora

Convenio entre o Concello do Bolo e Sanidade para reformar o Centro de Saúde do municipio

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 24.584 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o Concello

O alcalde do Bolo, asinando o convenio co conselleiro de Sanidade.

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de O Bolo, Manuel Corzo Macías, asinaron hoxe un convenio de colaboración no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados pola directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro Bello.

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 24.584 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e, tamén, o papel de interlocución que fixo o delegado territorial da Xunta, para asinar este convenio con tempo suficiente para que se licite a obra e se execute en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de O Bolo contarán, a partir do vindeiro ano, cun centro de saúde mellor e máis confortable.

As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas que visitaron o centro, consistirán na limpeza e repaso da cuberta, a inclusión de manivelas nas persianas, a substitución da caldeira de gasóleo, rede de tubos, illamento, bomba circulatoria, conexión eléctrica e aumento da potencia nos radiadores da planta alta, entre outras actuacións.

 

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 85 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 70.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as oito obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 110 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde en Toén, Entrimo, Vilar de Santos, O Couto (Ourense), A Valenzá (Barbadás) ou Pontedeva, e importantes reformas en Carballeda de Avia, Gomesende, Leiro, Carballeda de Valdeorras ou Cenlle. Nesta lexislatura, acábanse de poñer en marcha os centros de saúde de Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e de asinar o convenio para iniciar a construción dun novo centro de saúde en A Rúa. Ademais, están xa adxudicadas as obras de reforma do centro de saúde de Arnoia e o proxecto da reforma do de Ribadavia.

 

Artigos relacionados

Back to top button