En portadaÚltima horaVídeos

Convocaranse 30 prazas de especialistas no Distrito Sanitario de Valdeorras: 21 para o hospital e 9 para centros de saúde

Así o anunciaban esta mañá no Barco o delegado da Xunta na provincia e o xerente da área sanitaria ourensá

 

“Esta é unha aposta decidida por blindar a cobertura asistencial dos nosos veciños”. Deste xeito se referían o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, á convocatoria de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos, sen oposición, que se aprobará nas vindeiras semanas e que ofertará 30 prazas de persoal especialista con carácter fixo no Distrito Sanitario de Valdeorras: 21 en diferentes especialidades no hospital público do Barco e 9 nos centros de saúde da comarca.

O anuncio facíano esta mañá nunha reunión celebrada no Hospital Comarcal Valdeorras á que asistían a alcaldesa de Carballeda e os alcaldes de Rubiá, A Rúa e Manzaneda, ademais do tenente de alcalde da Veiga, e un concelleiro de Vilamartín.

O delegado provincial da Xunta insistía en que esta medida non supón crear prazas novas senón que pretende dar solución á problemática das prazas de difícil cobertura dende hai anos pola falta de médicos. “Esta innovadora iniciativa segue o exitoso modelo aplicado pola Xunta de Galicia o pasado ano 2022, para facilitar a cobertura de prazas de persoal médico en centros de saúde con dificultades para fixar persoal, e que permitíu consolidar 21 prazas de persoal facultativo de atención primaria na provincia de Ourense, delas tres no Barco de Valdeorras”.

Tanto Gabriel Alén como Félix Rubial matizaban cales son as prazas a cubrir de forma permanente no vindeiro concurso no Distrito Sanitario de Valdeorras. Así, das 21 prazas correspondentes ao hospital do Barco, 2 serán de cirurxía xeral e do aparato dixestivo, 2 de medicina interna, 2 de medicina de urxencias, 2 de xinecoloxía e obstetricia, 2 de farmacia hospitalaria, 2 de hematoloxía e hemoterapia; 1 de pediatría, 1 de oftalmoloxía, 1 de otorrinolaringoloxía, 1 de endocrinoloxía, 1 de radiodiagnóstico, 1 de dermatoloxía, 1 de microbioloxía, 1 de medicina de hospitalización a domicilio (HADO); e unha nova prazas de enfermeira especialista en saúde mental.

Xunto con estas, vaise convocar nos Centros de Saúde deste mesmo distrito sanitario oito prazas para médicos de atención primaria e unha de pediatra, en concreto no Servizo de Atención Primaria do Barco, que suma dous prazas máis a cubrir por esta vía, ás que se engaden dúas. Ademais ofertaranse dúas prazas para A Pobra de Trives, dúas para A Rúa e unha para Viana do Bolo.

 

 

Esta convocatoria, de máis de 400 prazas en toda Galicia, foi anunciada os pasados días polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e realizarase ao abeiro da Lei 2/2022, de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, de prazas que quedan desertas nos concursos de traslados, aprobada en outubro polo Parlamento de Galicia, e que permite a convocatoria mediante concurso de méritos (é dicir, sen oposición) de prazas en propiedade en categorías como facultativo especialista de atención primaria, pediatría de atención primaria, as especialidades médicas dos hospitais comarcais ou as prazas sanitarias vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia.

Prevese que estas prazas estean resoltas tras o verán, indicaba o xerente da área sanitaria ourensá, o que permitirá que “haxa tamén un rexuvenecemento no persoal do distrito”. De cubrirse todas, “o Hospital Público de Valdeorras quedaría con toda a súa plantilla ao 100% xa que todas as prazas vacantes deste centro saen a concurso”, aseguraba.

O anuncio foi ben acollido polos asistentes á reunión, e así o manifestaban expresamente a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, e o rexidor rues, Álvaro Fernández. Pola súa banda, o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, interesábase pola situación dunha das prazas de médicos do seu municipio.

 

 

Unha medida galega novidosa a nivel estatal

Era a necesidade de dotarse de máis recursos humanos e cubrir prazas vacantes en zonas de difícil cobertura da comunidade o que levaba a que a Xunta de Galicia ideara esta medida lexislativa, que busca cubrir estas prazas ao ofrecer a maior estabilidade (praza fixa en propiedade) co sistema de acceso máis sinxelo, tal e como sinalaba Gabriel Alén.

 

 

Ademais, os residentes MIR destas especialidades que terminen a especialidade en maio poderán optar a estas prazas e ser persoal fixo neste mesmo ano, ao permitírselles inscribirse con carácter previo e acreditar o título da especialidade unha vez a rematen. A Xunta prevé resolver o concurso á volta do verán e as condicións para os adxudicatarios serán a de permanecer en activo nelas durante un mínimo de 2 anos, concretaba Rubial. “Esta medida está orientada a prazas de difícil cobertura, o que abrangue principalmente zonas rurais e hospitais comarcais como o do Barco. Ao mesmo tempo preténdese consolidar esas prazas”.

Esta necesidade de incentivar as prazas de difícil cobertura fora xa obxecto dun acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobado por unanimidade en abril de 2018 no que se establecía a necesidade de reformar a lexislación do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde a tal efecto, un acordo que permanece incumprido desde entón.

Do mesmo xeito, o impulso do sistema de concurso para a selección de persoal sanitario especialista é unha recomendación incluída no ditame da Comisión para a reconstrución social e económica creada no Congreso dos Deputados, que continúa sen cumprirse por parte do Goberno de España dous anos despois da aprobación dese ditame.

Deste xeito, a Xunta aborda con medidas innovadoras o déficit de médicos e profesionais sanitarios, unha situación que afecta a todas as comunidades autónomas nestes intres mentres continúa o incumprimento dos compromisos de reforma da lexislación estatal e venceu a finais de 2022.

26 prazas no Distrito Sanitario de Verín

Este anuncio súmase ao realizado onte no Hospital de Verín, onde Gabriel Alén e Félix Rubial tamén adiantaban que o cadro de persoal do Hospital de Verín ofertará 20 prazas de persoal especialista: 4 cirurxía ortopédica e traumatoloxía, 3 de cirurxía xeral do aparello dixestivo, 3 de medicina interna, 3 de medicina de urxencias, 2 de pediatría; e unha de análises clínicas, oftalmoloxía, reumatoloxía, endocrinoloxía e nutrición, ademais dunha de enfermeira esoecialista en saúde mental. Tamén se ofertarán 6 prazas nos centros de saúde do distrito.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button