ConcellosÚltima hora

Corenta concellos da provincia veranse beneficiados con máis 540.000 euros para promover a igualdade

As axudas veñen da secretaría xeral de Igualdade e serán para a prevención da violencia de xénero, fomento da conciliación e apoio aos Centros de Información ás Mulleres
Marisol Díaz e Susana López na presentación das axudas. 

A secretaría xeral de Igualdade da Xunta de Galicia vai aportar un total de 540.555 euros, en concepto de axudas, aos concellos da provincia. Estas axudas económicas servirán, informan dende Igualdade, para a posta en marcha de iniciativas en tres liñas de actuación: a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres. Estas axudas foron presentadas esta mañá e Ourense pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, acompañada pola delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira.

Susana López subliñou que na convocatoria deste ano en Ourense, ao igual que pasou o ano pasado, son máis as entidades locais que presentan unha solicitude conxunta. Este incremento reflíctese sobre todo no programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIMs). Así, este ano no ámbito dos 13 CIMs en funcionamento na provincia ourensá, recibirán subvención 12 nos que participan un total de 40 concellos, dos que 35 teñen unha xestión compartida deste servizo fronte a 5 que a teñen individualizada.

A secretaría xeral de Igualdade asegura que, das tres liñas de actuación, a relativa ao apoio dos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende na provincia a 416.556 euros, que se distribúen en doce centros: Avión, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Xinzo de Limia, Maceda, Muíños, Ourense, Pobra de Trives, Viana do Bolo, Mancomunidade Terra de Celanova, Mancomunidade do Ribeiro e Mancomunidade Santa Águeda, e beneficia a un total de 40 concellos.

O destino destas subvencións será para o financiamento dos custos de persoal, mantemento e dinamización destes centros. Pola súa parte, o centro de Verín non recibiu a subvención por incumprimento dos requisitos esixidos.

Nesta liña, ao apoio aos CIMs séguelle o fomento da conciliación en volume de orzamento, o departamento destinará 104.103 euros, destinados ao financiamento de plans e actuacións na materia. Finalmente, tres concellos ourensáns resultaron beneficiados das axudas e subvencións da liña de medidas de prevención e tratamento integral coas mulleres vítimas desta lacra social, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas dependentes. Neste paquete, que ten un importe de 200.000 euros, tamén se inclúen actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e prostitución.

Tanto López como Marisol Mouteira destacaron que segundo a senda establecida hai tres anos, a convocatorio deste ano reforza a prioridade dos proxectos de xestión compartida, o que significa un incremento de puntuación e, polo tanto, incremento de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de subvencións.

Dende a Xunta reiteran que a resolución destas axudas reflicte unha consolidación no eido da cooperación e colaboración entre concellos e para a xestión compartida das actuacións e programas no eido da promoción da igualdade . Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que “é o modelo a seguir para garantir unha atención eficaz e eficiente á cidadanía neste ámbito de actuación”, dixo Susana López.

Artigos relacionados

Back to top button