En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Córgomo (Vilamartín) acolle a gala do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

A viguesa Eilún del Pazo Moa foi a gañadora desta edición co poema "Da memoria do Mencía" e tamén unha das finalistas con "Destecedoira"

 

A Aira dos Bolos, en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a vila que víu nacer ao poeta, era o lugar escollido para celebrar a gala do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. Un acto sinxelo pero animado e concorrido ao que ademais dalgúns dos galardoados e parte do xurado, asistían representantes políticos, culturais e sociais da comarca, entre os que non faltaban o alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez e os concelleiros barquenses, Margarida Pizcueta e Aurentino Alonso, así como o prsidente do IEV Aurelio Blanco Trincado.

Pendentes do ceo que amenazaba chuvia (algunha pinga caeu), Sergio Losada Macías, membro do antigo grupo de teatro Pisabarros de Veigamuíños era o encargado de conducir a gala, cos toques de humor que o caracterizan, poñéndose serio para dar as grazas a todas as institucións que coas súas aportacións fan posible este tipo de premios “que tanto se necesitan para incentivar á cultura, empezando porlo máis cercano, estamos nun pobo con moita arte e cutura aos que temos que coidar e axudalo para que se extenda”.

 

Eilún del Pozo, gañadora do premio, lendo o seu poema.

 

Sen máis preámbulos, comezaba a entrega de premios por parte dos membros do xurado, sendo Xurxo Souto (cantante dos Diplomáticos e escritor así como descubridor de talentos) o encargado de entregarlle o seu a Eilún del Pazo Moa, como unha das finalistas polo poema Destecedoira aínda que volvería subir ao final da gala para recoller o premio de gañadora. Sobre o escenario Xurxo asegurou que Córgomo “e luz e vida porque leva o alimento da palabra de Florencio e a descuberta das minas romanas”.

 

Maurizio Polsinelli, finalista.

 

Trala lectura do poema de Eilún, Raúl Gómez Pato, tradutor de textos en galego e gañador do II Premio de Poesía FDG entregaba o seu premio a outra das finalistas María Comesaña Besteiro por Papas. O terceiro finalista presente no acto era Maurizio Polsinelli polo poema Eu fun meteorito escrito en galego malia ser italiano, que lle entregaba a escritora valdeorresa Rosa Enríquez.

 

María Comesaña Besteiro, finalista.

De seguido volvía subir ao escenario Eilún del Pazo como a gañadora desta terceira edición do premio, que recollía de mans do alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez e Inma López Silva quen, como representante do xurado, aseguraba que “hoxe somos todos corgomófilos un dos pseudónimos de Florencio”, destacando a gala como “un dos primeiros actos do ano de Florencio Delgado Gurriarán do que debedes estar orgullosos”. Antes de ler o poema gañador, Da memoria do mencía, a súa autora daba as grazas ao xurado e ao premio pola oportunidade que lle deron de facer un poema que fala “do rural e dos avós, de que ai que manter as nosas raíces, temas que para min son moi importantes”, asegurou Eilún.

O acto remataba coa actuación de Sr. Jingles, interpretando tres animados temas, un deles, a súa particular versión do poema de Florencio Delgado Gurriarán, Casoiro, que recibía sonoros aplausos por parte do público. Non asistían nin Ledicia Costas (membro do xurado), nin Arancha Rodríguez Fernández, outra das finalistas.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button