Máis aló do Ano de Florencio, a súa vila natal pretende manter viva a esencia do Día das Letras Galegas. Coa idea de manter o espírito que se vivíu no 2022 e que a xente siga indo á Córgomo”, nacía o ano pasado, da man da Asociación de Mulleres Rurais, a Feira de produtos tradicionais que celebraba a primeira edición cun gran éxito, tanto en número de postos como en público.
A segunda edición, de novo coa colaboración do Concello, celebrarase o vindeiro 17 de maio na Aira dos Bolos, de 11 a 14 horas aproximadamente e de novo haberá pulpeira. “Os postos que queiran participar poden poñerse en contacto con nós no correo electrónico: corgomuru@gmail.com“, adianta a presidenta da asociación, Soledad Figueroa.
Ela mesma avanza que uns días antes, co mesmo obxectivo de “manter vivo o espírito do Día das Letras galegas en Córgomo e recuperar o arte de contar historias”, celebrarase un obradoiro de narración oral na Casa do Pobo. Será do 13 ao 16 de maio (de 19 a 21 horas) a cargo de Anxo Baranga, membro de Furafollas Agrupación Teatral. Está aberto a todo aquel que se queira apuntar de toda Valdeorras ou de fóra “dende os 9 ata os 99 anos e non é necesario ter feito teatro previamente nin será necesario memorizar textos”, explican dende a organización.