
No seu último pleno, celebrado na mañá do 30 de novembro, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras autorizaba a renovación da sinatura dun convenio coa Universidade de Vigo para avanzar nos trámites de cara á obtención da acreditación ENAC, segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17065, en 2018.
“Esta acreditación é imprescindible para que os consumidores poidan ter garantías plenas de que detrás de cada botella de viño de Valdeorras que se comercializa existe un estrito control de calidade”, sinala o presidente do CRDO Valdeorras.
Co fin de actualizar os procedementos deste organismo que permitan avanzar nesta liña de traballo, o pleno acordaba, ademais, promover modificacións nas normas de explotadores, de adegas e no manual de calidade. Xunto a isto, autorizouse a contratación dun técnico a media xornada para axudar ao Órgano de Control en todo o traballo necesario para axustar os parámetros da D.O. aos requirimentos de ENAC.
Finalmente, o Pleno aprobou tamén hoxe a renovación dos membros do Comité de Garantías do Consello Regulador para que cada un dos colectivos que compoñen o organismo teñan representación: cooperativas, adegas e viticultores. A éstes sumáranse os representantes do Ingacal e do Instituto Galego de Consumo e unha persoa en nome do propio Consello Regulador.