A gaiteira ourensá máis internacional, Cristina Pato, comeza hoxe na cidade de Qingdao (China) unha xira por Asia que a levará tamén á capital chinesa, Beijing, o 16 de novembro; a Seúl (Corea do Sur) o 18; e a Taipei (Taiwan) o 20 de novembro.
A banda que xuntou arredor de si o cellista Yo-Yo Ma está a presentar por todo o mundo o seu novo disco, “Sing Me Home”, que inclúe unha nova versión de “Cabaliño”, canción tradicional galega que foi gravada xunto cos músicos galegos e membros do “Rústica” (proxecto no que tamén participou Cristina Pato) Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña. O “Silk Road Ensemble” volve así á estrada logo dunha exitosa xira polos Estados Unidos o pasado agosto, na que percorreron en 18 días 10 cidades e 8 estados, con grande éxito de público e crítica.
Por outra banda, mediado xa o mes de novembro, o día 24 estréase en Italia o documental “The music of strangers”, o filme do oscarizado Morgan Neville do que Cristina Pato é coprotagonista, e con el comezará unha xira de promoción por todo o país.