OurenseÚltima hora

Cruz Vermella busca familias para acoller bebés, adolescentes e grupos de irmáns de forma temporal

Mañá, xoves 20 de febreiro de 10 a 12 horas, haberá unha sesión informativa na oficina de Ourense

 

O Acollemento Familiar é un programa da Xunta xestionado por Cruz Vermella, unha medida de protección á infancia que conta actualmente cunha rede de 335 familias, das que 162 residen na provincia da Coruña, 80 na de Pontevedra, 55 na de Ourense e 38 na de Lugo.

“Grazas a este programa, 331 bebés, nenos, nenas e adolescentes tiveron un fogar no que, de forma temporal, recibiron o coidado, seguridade, agarimo e protección que por diferentes motivos non podía darlle a súa familia de orixe. Deles, 61 acollementos tiveron lugar na provincia de Ourense”, indican dende a ONG.

Actualmente, un total de 56 menores están en espera de ser acollidos e acollidas en Galicia (deles 5 en Ourense). É por iso que Cruz Vermella traballa para incrementar a rede de familias, especialmente con posibilidade de acoller a bebés, grupos de irmáns e adolescentes.

Próximas sesións informativas

Co obxectivo de facilitar toda a información necesaria e de responder a todas as dúbidas que poidan xurdir achega do acollemento familiar, as catro oficinas provinciais de Cruz Vermella en Galicia organizan mensualmente sesións informativas presenciais. Mañá, xoves 20 de febreiro de 10 a 12 horas, terá lugar na sedes de Cruz Vermella en Ourense. Todas as persoas interesadas poden acudir sen previa inscrición ás sesións presenciais, así como ampliar información en www.acollementofamiliar.gal e chamando ao 900 812 880.

 

Artigos relacionados

Back to top button