EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

“Cuñados”, producida polo valdeorrés Alfonso Blanco, “Premio Ribeiro en Nós”

Serán un dos galardóns que se entregarán na Gala da DO Ribeiro, prevista para o 25 de novembro en Ourense

Membros do equipo de “Cuñados”, entre eles o seu produtor, Alfonso Blanco./ Cedida.

 

A Denominación de Orixe Ribeiro continúa ultimando os detalles para a celebración da súa próxima gala, prevista para o día 25 de novembro no Auditorio Municipal de Ourense, que recupera o seu habitual formato presencial, e que continúa coa itinerancia iniciada o pasado ano en Santiago de Compostela, a fin de servir como “acción promocional” da entidade, tal e como apunta o presidente do seu Consello Regulador, Juan Manuel Casares.

Nela, e como xa vén sendo tradicional, farase entrega de distintos galardóns, entre eles “Vida entre Vides”, “Mellor labor de Comunicación”, e unha nova categoría, “Ribeiro en Nós”, que busca distinguir a persoas ou entidades que desenvolven unha acción destacable en materia cultural, formativa, ambiental, de investigación ou de emprendemento, relacionados coa viticultura ou o enoturismo que incumba á D.O. Ribeiro, tal e como explica Juan Manuel Casares.

Nesta primeira edición, o galardón será para a película “Cuñados”, do produtor valdeorrés Alfonso Blanco, rodada no Ribeiro. Casares amósase convencido que a promoción feita a través desta exitosa comedia galega “tivo e seguirá tendo un retorno moi importante”. Ademais, a Denominación de Orixe distinguirá este ano co Premio “Vida entre Vides” á empresaria e adegueira Xulia Bande “para recoñecerlle todo o labor que está a realizar como empresaria no campo da viticultura no territorio do Ribeiro”, onde segundo Casares, está a detectarse a falta de man de obra. “Con este premio queremos visualizar que aínda que esteamos a vivir un momento no que vemos unha falta de man de obra no mundo rural galego, e especialmente no Ribeiro, temos a constancia que hai moitas oportunidades que permitirán traballar e vivir moi dignamente no rural. Xulia é un exemplo de iso”.

Finalmente, o galardón ao Mellor labor de Comunicación será para Campo Galego, “un xornal dixital galego e en galego, e un xornal de referencia para todo o sector primario, que trata de forma especial o mundo do viño”.

Primeiro Premio Ribeiro en Nós á película ‘Cuñados’

Producida por Portocabo, en colaboración con Televisión Española e Televisión de Galicia, e con dirección de Toño López, a comedia familiar “Cuñados” será distinguida o próximo día 25 co premio “Ribeiro en Nós”, que se outorga este ano por primeira vez coincidindo co décimo aniversario destes galardóns.

Ambientada no mundo das adegas de Ourense, a rodaxe da película tivo lugar en diferentes localizacións da provincia, entre elas a capital, O Ribeiro, San Cibrao das Viñas e Allariz. “Cuñados” converteuse no filme máis visto en Galicia desde a súa estrea en cinemas o pasado abril, e recentemente incorporouse ao catálogo de películas de Filmax xa dispoñibles en distintas plataformas dixitais.

A comedia de enredo sobre as peripecias delictivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado, conta con algunhas das caras máis recoñecidas e queridas do panorama cinematográfico galego como Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Fede Pérez, Eva Fernández, Iolanda Muíños, María Vázquez e Mela Casal, e contou para a súa rodaxe coa colaboración da Deputación de Ourense e a D.O. Ribeiro. O actor Fede Pérez será, ademais, presentador desta décima edición da gala xunto á xornalista ourensá Montse Estévez.

Xulia Bande, premio Vida entre Vides

Xulia Mar Bande Pivida (Arnoia, 1968) herdou o seu amor polos viñedos do seu avó Manuel, que como tantos arrieiros, “sen máis son que o da súa voz e a compañía das súas mulas, surcou os camiños de pobos e vilas de Galicia, facendo que o viño do Ribeiro chegase máis aló das nosas fronteiras”.
Ela é toda unha emprendedora no mundo rural, así como unha colleiteira de éxito. Empezou no sector creando a súa empresa de prestación de servizos vitícolas, que desenvolve un gran traballo no mundo da viticultura na zona do Ribeiro, facendo que o seu traballo sexa todo un modelo a seguir. E isto se superlativiza no momento actual, no que hai unha gran falta de man de obra cualificada.
Xulia Bande unirase así á lista de galardoados con este premio que anteriormente foi outorgado a Alfonso Albor Rodríguez, Emilio Vermello, Avelino Lorenzo, Arsenio Paz e Manuel García Montero.

Mellor Labor de Comunicación para ‘Campo Galego’

O medio dixital Campo Galego, un proxecto xornalístico que iniciou a súa andaina en 2015, impulsado e codirixido polos xornalistas Gonzalo Brocos e David González, será distinguido este ano na gala co premio Mellor Labor de Comunicación.

Gala na cidade de Ourense

A gala, que se celebra por primeira vez na cidade de Ourense, reunirá a numerosos amigos da D.O. Ribeiro, que poderán presenciar a entrega en vivo dos galardóns, entre eles a Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Mediaset España, que será recoñecido co Premio “Persoeiro de Honra”, e a quen o presidente da entidade definiu como “un galego internacional vinculado aos medios de comunicación e sentimentalmente ao mundo do viño”, e á enóloga Almudena Alberca, primeira muller Master of Wine española, distinguida co Premio Muller e Viño.

Ademais, na gala, que un ano máis contará coa colaboración de Abanca coñeceranse os mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro, pertencentes á D.O. Ribeiro, e entregaranse tamén os premios “Mellor servizo de viño en restaurante”, “Tenda especializada – vinoteca” e “Taberna – bar de viños”.

Artigos relacionados

Back to top button