CulturaCulturaÚltima hora

Curso de agricultura ecolóxica na Aula de Extensión de A Rúa da UNED

Comezará o 10 de novembro e será impartido por María Eugenia Medina, enóloga, licenciada en Bioloxía

Fachada da UNED na Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

A UNED de Ourense, na súa Aula de Valdeorras, na Rúa, organiza a primeira actividade formativa sobre agricultura ecolóxica e o cultivo de alimentos naturais. Cunha metodoloxía non tan teórica como adoita ser habitual, a actividade está enfocada a unha formación dinámica e atractiva para os participantes.

“A alimentación baseada en produtos ecolóxicos conta cada vez con máis adeptos. As persoas que se atreven con plantacións ecolóxicas onde cultivar os seus propios alimentos, vai en aumento ano tras ano. Dun tempo para acó o rural é o refuxio de numerosos poboadores que abandonan a cidade en busca de tranquilidade e dunha vida sa en contacto coa natureza. A maioría busca cultivar os seus propios alimentos da maneira máis natural posible, sen produtos químicos nin conservantes”, explican dende a UNED. Este curso está pois orientado a conseguir que “os participantes aproveiten ao máximo os seus recursos naturais e adquiran coñecementos básicos de agricultura ecolóxica”.

 

 

Partindo dunha perspectiva tradicional, a dos nosos antepasados, chegarase a unha máis actual adaptada aos novos cultivos e aos cambios na sociedade, sobre todo no aspecto climático. Tocaranse todas as áreas: o chan e os seus nutrientes, como traballalo e potencialo, crear materia orgánica, compost, tratamentos, abonos etc. E sistemas de rega, tema imprescindible para conseguir un bo resultado.

O curso será impartido por María Eugenia Medina, enóloga, licenciada en Bioloxía e xestora de Dona Branca Asesoría Enolóxica Integral S.L., e, sobre todo, con moita experiencia en temas relacionados con asesoramento en agricultura e viticultura así como no ámbito formativo.

O curso consta de 30 horas lectivas e 1,5 créditos ECTS. Comezará o 10 de novembro e estenderase ata marzo de 2024, para realizar dúas visitas a centros de cultivo ecolóxico de modo que a formación sexa completa e póidanse ver ir situ os resultados deste tipo de agricultura. O tema ao que está dedicada esta actividade permite ao estudante participar con asistencia presencial ou en liña, en directo ou en diferido.

Máis información e matrícula en www.unedourense.es

Artigos relacionados

Back to top button