O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) organizan unha serie de cursos sobre o novo regulamento de produción ecolóxica aplicable a partir de xaneiro de 2022. A Casa da Cultura de Quiroga acollerá o vindeiro mércores, 29 de setembro, un curso sobre apicultura ecolóxica impartido por Agronovo.
“O obxectivo desta actividade é dar a coñecer esta nova normativa en produción animal e tratar a pegada de carbono e o mercado dos produtos ecolóxicos. Este Novo Regulamento simplificará as normas de produción. Ademais, garantirá unha competencia leal para os agricultores e evitará o fraude ós consumidores”, segundo adianta o Concello de Quiroga.
O programa será dunha xornada única, no que se impartirán sete horas, con teoría pola mañá e prácticas pola tarde. Na parte teórica, que comeza ás dez da mañá, falarase sobre a produción ecolóxica e o seu consumo en Galicia, sobre a nova normativa ecolóxica de produción en apicultura, sobre a comunicación ambiental e o cálculo da pegada de carbono e do mercado da produción apícola ecolóxica.
Para participar neste curso presencial gratuíto, deben de cubrir unha inscrición na páxina web de Agro Novo, no apartado de cursos de formación continua.